A cultura inundará esta fin de semana a cidade de Ourense. Teatro, música e poesía deixáronse sentir por cada recuncho cando foi chegando a noitiña. Así, a Coral de Ruada celebrou no Liceo a súa gala de entrega do premio Xabier Prado “Lameiro”, outorgado á asociación santiaguesa Cantigas e Agarimos. Pero tamén o Teatro Principal acolleu a primeira representación do Festival Internacional de Teatro (FITO), que comeza a súa novena edición, e o Círculo Poético Ourensán inaugurou o VII Encontro Internacional de Poesía cun recital musical no Jam Session.
Nas imaxes pódense ver algúns dos momentos da gala da Coral de Ruada, na que houbo espazo para outras actividades culturais como o teatro ou a ópera. Na derradeira imaxe contémplanse os galadroados co premio Xabier Prado Lameiro, recollido por representantes de Cantigas e Agarimos.