EntrevistasÚltima hora

“Temos que lanzar políticas para poder manter e reactivar todo o que é a Galicia interior”

Juan Manuel Díaz Villoslada, precandidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, mantiña un encontro cos militantes de Valdeorras na tarde do 6 de setembro no Barco

 

Dous días despois de presentar a súa precandidatura ás primarias socialistas, Juan Manuel Díaz Villoslada (Ourense, 1965), achegábase ata Valdeorras para reunirse con militantes da comarca na sede do PSdeG-PSOE do Barco e explicarlles o seu proxecto. Dende primeiros de agosto, Villoslada está a percorrer Galicia e xa ten estado noutras partes da provincia como Celanova, Bande ou ou O Ribeiro.

Con respecto a Valdeorras plantexa prioridades como a necesidade de mellorar as súas infraestruturas de comunicación en especial, con Ourense. Tamén alude á reforma do anteproxecto da reforma da Lei de Saúde de Galicia, “un tema que nos está preocupando moito, pode afectar dunha forma negativa ao hospital e é unha cuestión que estamos levando xa en iniciativas parlamentarias”. Asemade alude ás “problemáticas dos sector agroforestal e do da pedra, son temas que temos que traballar a fondo para conseguir que os ciclos de produción se desenvolvan de forma completa. Contamos cun gran produto pero debemos ser capaces de transformalo e de comercializalo”.

 

¿Cales son as liñas principais do seu proxecto que está expoñéndolle ás agrupacións?

Basicamente estou expoñendo a necesidade de abrir unha etapa nova no PSdeG-PSOE no sentido de volver estabilizar, coller forza e traballar coa máxima unión, coa máxima cohesión do partido, para deixar anos atrás dun exceso de debate interno e para mirar cara as necesidades realmente de toda a sociedade. Temos que volver a recuperar a condición de primeira forza progresista en Galicia para poder plantarlle cara con toda a forza posible ao PP tanto aquí como contribuíndo a que o partido a nivel federal sexa máis forte. Temos que abrir esa etapa, unha vez que a nivel federal hai tamén aberta unha etapa nova.

 

Juan Díaz Villoslada, intervindo na sede dos socialistas no Barco.

 

¿Como ve a realidade actual de Ourense e máis en concreto da parte oriental da provincia?

Veño de fóra, pero son ourensán e nese sentido algo coñezo. A situación da provincia responde un pouco ao que é a situación de toda a Galicia interior. Hai unha problemática importante, que nos están sinalando en moitos encontros comarcais, do que é o despoboamente, as posibilidades socioeconómicas de toda a Galicia que non está á beira da AP9 e aí si que temos que lanzar políticas para poder manter e poder reactivar todo o que é a Galicia xa non rural, senón a Galicia interior ás veces rural e ás veces semiurbana.

E logo hai temas importantes como a reivindicación dunha voz das comarcas que aglutinan as agrupacións locais, e darlle moitísimo soporte tamén ás agrupacións locais que están tanto nos gobernos municipais como a aqueles compañeiros que están no labor de oposición. Aí debemos prestar un servizo moi importante. Ademais está a problemática desta zona máis oriental de Ourense, con cuestións como a pedra ou a xeada na viticultura, atopámonos co problema da seca, que se está agudizando nestes momentos. Deuse este ano unha situacion complicada coa climatoloxía e o sistema de axudas por parte da Xunta de Galicia non está dando resposta suficiente, entón temos que traballar arreo todos xuntos para tratar de mellorar estas condicións.

 

Outro dos momentos da exposición do seu proxecto, no Barco.

 

¿Continuará visitando outras zonas da provincia?

Estou tratando de combinar un calendario no que cada día estea no territorio dunha provincia distinta. Estarei tamén en Ourense, na comarca da Limia, de Monterrei e por outras zonas. E, se podo, quero tratar de voltar ás agrupacións que  xa visitei para seguir falando porque moitas das medidas e das cuestións que estou formulando saen destes diálogos, iso é moi importante. Por tanto, canto máis escoitemos para construír un proxecto colectivo, que vaia de abaixo a arriba no partido, pois mellor que mellor.

¿A receptividade como está sendo?

Boa, tamén é certo que nestes momentos determinadas comarcas están en vendima, como sucede hoxe en Valdeorras e sucedeu onte en Taboada, é as veces resulta difícil conseguir que a xente poda estar. Pero, sobre todo, a xente ten ganas de falar e de aportar para coller ilusión.

 

Texto: A.R.  Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button