En portada

“Ten sido unha gran experiencia”

Os triveses Gutier e Javier Álvarez, músicos do novo disco de Xabier Díaz
De esquerda a dereita: Javier Álvarez, Xabier Díaz e Gutier Álvarez./ Foto: Juan Luis Rúa.
De esquerda a dereita: Javier Álvarez, Xabier Díaz e Gutier Álvarez./ Foto: Juan Luis Rúa.

Das orixes da música galega ao século XXI. Da man da percusión e da voz, Xabier Díaz embárcase no seu novo disco, The Tambourine Man, nunha novidosa singradura pola tradición musical galega, tendo como compañeiros de viaxe ás Adufeiras de Salitre e aos irmáns triveses Gutier (zanfona e violino) e Javier Álvarez (acordeón diatónico). O traballo, que vén de saír a rúa neste outono, reúne 10 pezas tradicionais galegas e unha castelá. Presentábase o 16 de outubro da Coruña, abrindo así unha xira que os levará por cidades como Madrid, Barcelona ou Ourense en decembro.

Esta é a terceira ocasión na que Gutier Álvarez e Xabier Díaz coinciden. Xa traballaran xuntos en “A descarga ao vivo. Galicia Cuba” e con Xosé Manuel Budiño. “Xabier Álvarez interesouse por nós para dar forma no aspecto máis musical e instrumental a este disco, que el xa viña rumiando lentamente. Ao marxe da voz e da percusión, necesitaba unha parte instrumental e confíou en Javier e en min para levar iso adiante”, comenta o violinista trivés. En cambio o seu irmán estreábase nun “proxecto desta envergadura e resultou xenial. Sigo a música de Xabier dende hai anos e, claro, ao principio un traballo deste tipo créache dúbidas, veste un pouco mermado en certos aspectos ao non ter experiencia nisto, pero despois decátaste de que se trata de desfrutar e de traballar duro”, lembra Javier Álvarez.

No verán do 2014 sumábanse ao proxecto de Xabier Díaz. Metíanse de cheo na creatividade, nos arranxos musicais e na gravación do disco que, “en xeral, fixemos en estudos particulares e en casa. Foi un proceso longo, no que a música íase elaborando ao mesmo tempo que se facía o CD, pero tamén super interesante e moi, moi enriquecedor por ter a posibilidade de gravar de forma particular na casa, a parte de que ás veces quedabámosnos para ensaiar ou para ter postas en común, xa que tiñamos propostas que nos ibamos enviando duns a outros”, lembra Gutier, “loxicamente a dirección artística correspondíalle a Xabier, pero no proceso creativo e de produción vímonos involucrados os tres e foi bonito. Para min supuxo unha gran experiencia e tamén unha aprendizaxe”. O seu irmán, Javier Álvarez, recoñece que os comezos foron complicados, “ata que non atopas o camiño, pasan uns meses de traballo duro. Sabía que Xabier quería algo distinto, algo novo, pero non tiña moi claro qué, sen embargo pronto vimos que temos unhas ideas moi parecidas e entendímonos. Ademais agradecereille sempre o feito de que me dera carta branca para facer o que vira convinte, iso dache moita confianza”.

O disco foi xurdindo como a historia da propia música, da percusión. “Como di Xabier Díaz é meter a man na terra e recoller eses inicios da nosa música que son os ritmos, os pandeiros, os adufes, as pandeiretas… e a voz”, continúa Javier. Xunto a eles aparecen a zanfona, o violino e o acordeón diatónico. “A zanfona e o violino, xa de forma tradicional, son instrumentos moi lindados á voz, por exemplo, nos cantos de cego. Por iso non é unha casualidade que estean no disco”, indica Gutier. “E despois o acordeón…”, engade Javier, “é moi tradicional. Estou contento da súa presenza no disco porque en certas cancións ten moito máis protagonismo do que eu esperaba. Non é nada habitual ver unha conxunción destes instrumentos nun disco, pero penso que era a mellor opción se queres facer recollida de repertorio tradicional e volver ás raíces”.

The Tambourine Man supón tamén o primeiro disco no que participan xuntos Gutier e Javier, dous irmáns que comparten a súa paixón pola música dende meniños. “Empezamos a tocar en Trives e, especialmente na Banda de gaitas de Manzaneda, logo eu estudei no conservatorio do Barco… Dunha maneira ou doutra e con diferentes instrumentos, levo tocando co meu irmán dende que teño uso de razón, entón a relación persoal e a musical son unha”, asegura Gutier.

E da gravación e os ensaios, aos escenarios. “Buscabamos tamén un disco que non fora artificioso e nese sentido intentamos ser moi honestos e que o que realmente soe nos directos sexa basicamente un espello do que se pode escoitar no CD”, matiza Gutier. Tras a presentación na Coruña, “un momento especial para Xabier e para todos nós”, están mergullados no comezo dunha xira que está tendo boa acollida e na que lles gustaría poder chegar a tocar no oriente ourensán, “para nós sería un agasallo”.

Texto: Ángeles Rodríguez
Fotos: Juan Luis Rúa

Artigos relacionados

Back to top button