EconomíaEconomíaÚltima hora

A tenda ourensá “Clothes&Co” gaña o premio “Smart Commerce 2017”

Estes premios entrégaos a Consellería de Economía, Emprego e Industria e outorgáselle á mellor tenda de Galicia e á mellor de cada provincia
Foto de familia dos premiados.

A tenda ourensá “Clothes&Co” foi galardoada co premio “Smart Commerce”, que entrega a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta. Esta tenda foi a gañadora dentro da categoría da provincia de Ourense, cunha dotación de 1.500 euros, por contar cunha ampla presenza en redes sociais e unha tenda on-line. A gala celebrouse o pasado luns, 13 de novembro, en Santiago de Compostela.

Estes galardóns distingue aos comercios galegos que desenvolven iniciativas innovadoras que dispoñen “unha clara diferenciación e mellora da fidelización comercial que activan accións promocionais especiais e que destacan pola utilización das canles on-line e off-line de comunicación e venda”, apuntan dende a Consellería.

En canto aos outros premiados, na categoría “Galicia”, que conta cunha contía de 3.000 euros, foi para a tenda de moda infantil de Pontevedra “Las Merceditas de Iria”, que conta tamén con tenda on-line. Este establecemento tamén recibiu o galardón na categoría “Smart Commerce Pontevedra”, dotado con 1.500 euros. Na categoría “Smart Commerce A Coruña”, o premio foi para a librería “Moito Conto”, que incorpora elementos TIC dentro dun espazo tradicional de venda ao público e con presenza nas redes sociais.

Por outra banda, o premio e-Commerce distingue, cunha contía de 1.000 euros, ao comercio galego cuxa actividade sexa a venda de produtos a través de internet. Nesta edición recaeu en Filament2 Print, con sede en Nigrán (Pontevedra), dedicada a comercializar materiais para impresión 3D.

Ademais, a través do premio “Social Commerce”, dotado con 1.000 euros, distínguese ao negocio que amose o mellor aproveitamento das redes sociais para chegar aos seus clientes. Este ano obtén o recoñecemento “Blue Popelina”, de Betanzos, unha tenda on-line que ofrece prendas de vestir e accesorios multimarca, facendo das redes sociais o seu escaparate.

Artigos relacionados

Back to top button