ConcellosSen categorizar

Tendencia descendente nas infraccións penais na Rúa

A Xunta Local de Seguridade deste concello valdeorrés reuníase na mañá do 19 de xuño
Un dos momentos da Xunta Local de Seguridade da Rúa.
Un dos momentos da Xunta Local de Seguridade da Rúa.

Os datos relativos á delincuencia en Valdeorras durante o ano 2013 poñíanse sobre a mesa na reunión da Xunta Local de Seguridade da Rúa. Esta xuntanza, que se celebraba o 19 de xuño na casa consistorial, estivo co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e polo alcalde da Rúa, Avelino García Ferradal, e nela participaban membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.

As cifras do 2013 (xaneiro-marzo 2014) amosan “unha tendencia á baixa tanto no número de delitos como nas faltas. Os índices de esclarecemento do total das infraccións penais increméntanse, así como as detencións practicadas. Pola contra, as infraccións administrativas experimentan unha subida moderada”, segundo se informa dende a Subdelegación do Goberno.

No decurso desta reunión Roberto Castro agradecía o labor desenvolvido polas Forzas e Corpos de Seguridade e pola Policía Local que, dixo, se refrendaron nas estatísticas expostas; se ben precisaba que, “aínda que os resultados son positivos, coa chegada das datas estivais, debemos estar atentos ante a posibilidade da aparición de pequenos casos puntuais de actos delictivos en festas, romerías ou celebracións”.

Por outra banda, o alcalde da Rúa, Avelino García, expresáballe ao subdelegado do Goberno o seu agradecemento polo “esforzo permanente da Garda Civil polo benestar dos veciños da Rúa”, e destacaba “a estreita relación de traballo e a boa sintonía que os membros da Benemérita que manteñen coa Policía Local”.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button