ColaboraciónsCulturaCulturaOpiniónÚltima hora

Terra Chá

Artigo de Nicolás Xamardo na data na que se conmemora o aniversario da morte de Manuel María

Publicidade
Nicolas Xamardo./ Imaxe cedida.

 

A Terra Chá somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.

Cando lin por primeira vez este poema, quedei cativado pola súa maxia e, co paso do tempo, dándolle voltas e voltas, fun entendendo o traballo creativo de Manuel María. Dende hai varios anos, tiven o desexo de comentalo, de analizar os procesos presentes no mesmo, froito da intuición do poeta; a pesar de saber que toda análise, todo comentario, como o que vou facer, mata a maxia creativa, o golpe intuitivo do artista.

Dous son os movementos do pensamento de Manuel María: análise e síntese.
O poeta analiza, descompón o todo (A Terra Chá), ao que lle vai dar forma poética, en partes (análise) e escolle despois as que considera máis significativas, síntese.
Comeza o poema cunha enumeración: A Terra Chá somentes é:…

Os elementos da enumeración móstranse en forma de oposición (Un pobo aquí, outro acolá , mil arbres, monte raso, un ceo chumbo e tráxico no que andan a aves a voar).

Manuel María conclúe, pecha o poema cunha oposición forte a toda a enumeración opositiva precedente (O resto é soedá): cheo/valeiro. O estilo opositivo, dialéctico,nun mesmo movemento, condensa o pensamento e simplifica, dun xeito singular, a complexidade do todo (A Terra Chá). E é, precisamente, esa condensación, esa singularidade opositiva, eses movementos dialécticos os que universalizan o poema; porque, como di A. Badiou, toda obra para ser universal ten que ser dialéctica. E este poema o é.

Como resolve o poema a dicotomía Particular/Universal? Ou dito doutro xeito: como un poema tan local pode chegar a ser universal? Toda obra de arte universal sempre está localizada e é dende esa localización como singulariza, dialécticamente, como universaliza o local. Non hai unha universalidade deslocada, fóra de lugar. Pensemos nas traxedias clásicas gregas, no Quixote, na poesía de Mallarmé ou na obra poética de Manuel María.

Podemos dicir que este poema de Manuel María, Terra Chá, é universal por dialéctico, por singular e por estar estabelecido na Terra Chá, en Galiza.

En fin, o acontecemento que representa a obra poética de Manuel María, que é quen de crear un novo imaxinario e un novo simbólico para Galiza, supón, nese eido, unha aportación singular á nosa identidade, tanto individual como colectiva.

Texto: Nicolás Xamardo
Prof. Honorífico da UPV/EHU.

Artigos relacionados

Back to top button