Con novidades e un amplo programa de actividades que estenderá o seu radio de acción dende a praza Maior e o Porto da Barca ata a rúa Real regresa, tras o obrigado parón de dous anos pola pandemia, a Festa do Casco Vello do Barco, que chega así a súa cuarta edición.
A iniciativa inclúe un amplo e variado programa de actividades, con propostas para nenos e maiores, que van dende a enogastronomía (coa habitual apertura de casetas na praza) ata a música ou mesmo a maxia. Así o programa encetarase ás 20h. do 10 de xuño, considerado na festa como “Día da Xuventude” coa apertura das casetas, o pregón, ás 22h, e as actuacións despois de Maskarpone e Los Rastreros.
Xa o 11 de xuño inaugurarase a primeira Feira Porto da Barca (de artesanía e produtos tradicionais, que funcionará sábado e domingo, cortando o tráfico dende a rúa Real) e pola noite, a partir das dez, actuarán The Funkles e The Tetas Van. Finalmente o 12 de xuño haberá sesión vermú co Club Riviera ás 13:30h., e pola tarde, ás 18h. actuará o Mago Teto, despois o Club Riviera dará un concerto.
Esta celebración será promovida polos hostaleiros da zona, en colaboración coa Concellería de Turismo do Barco.