Os empresarios de ocio nocturno e a Xunta traballarán nun protocolo de reactivación para cando a situación sanitaria permita a reapertura dos locais. Foi unha das decisións acordadas no encontro con representantes do sector celebrada esta tarde de 20 de agosto. Ese protocolo incluirá as condicións e as fases nas que se producirá esa reapertura.
Na reunión participaron o vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde. Tamén asistiron representantes da Consellería de Sanidade, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e da Dirección Xeral de Comercio. Así, tanto empresarios como a Xunta coincidiron en que os locais deben abrirse cando sexa sanitariamente seguro.
Ademais, a Administración autonómica comprometeuse a “estudar que as terrazas destes locais poidan empezar a funcionar antes da reapertura do seu espazo interior, cumprindo en todo caso as mesmas condicións e horario de peche que teñen as de bares e restaurantes, ao igual que ocorreu durante o proceso de desescalada”.