ConcellosÚltima hora

Traballos de roza, limpeza e documentación no Mosteiro de San Xoán de Camba (Castro Caldelas)

Durante moito tempo foi unha importante abadía e Real Mosteiro dúplice, cunha comunidade de homes e outra de mulleres

 

Ata o municipio de Castro Caldelas desprazábase esta mañá o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. Acompañado da súa alcaldesa, Sara Inés Vega, visitaba o Mosteiro de San Xoán de Camba, coincidindo co comezo dos traballos de roza, limpeza e documentación, que se están a desenvolver nel e aos que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración do Concello, destina máis de 15.000 euros.

O delegado territorial considerou necesario levar a cabo neste ano 2022 traballos de roza e limpeza, baixo control arqueolóxico, así como de rexistro documental e topográfico, coa finalidade de favorecer a súa conservación e documentación de cara a unha futura posta en valor deste recurso que supón un gran atractivo turístico e patrimonial. Gabriel Alén explicou que os traballos que se están a desenvolver consisten na realización dun informe histórico sobre o antigo mosteiro de San Xoán de Camba, con revisión en arquivos e bibliotecas de documentación bibliográfica e documental.

Tamén se acometerán -sinalou o delegado territorial- tarefas de roza, limpeza e retirada de vexetación, residuos e madeiras, baixo control arqueolóxico, do sitio histórico, tanto dos muros e interior da edificación principal do antigo mosteiro e das dependencias anexas coma da contorna inmediata no que se inscribe. A superficie máxima do ámbito de actuación é duns 3.000 metros cadrados, subscrita á parcela propiedade da Diocese de Ourense. Así mesmo, levarase a cabo a corta daquelas árbores que inciden de maneira negativa no sitio histórico e a poda e/ou rareo daquelas árbores existentes no seu entorno.

Executarase unha montaxe dun peche perimetral na edificación principal do antigo mosteiro. O dito peche estará composto por postes de madeira tratada de 2 metros de alto e 10 centímetros de diámetro e dunha malla cinexética de 1,20/1,50 metros de alto. Realizarase unha prospección arqueolóxica do sitio histórico e do seu entorno inmediato para identificar e determinar a súa configuración espacial e os seus elementos principais e farase un inventario das estruturas arquitectónicas existentes e dos elementos histórico-artísticos máis significativos (inscricións, elementos escultóricos…).

Tamén se levará a cabo un levantamento topográfico, mediante fotogrametría 3D e/ou escáner láser de alta precisión, do sitio histórico para a súa documentación espacial, con vídeo e fotografía aérea (oblicua e vertical) con tomas xerais do sitio histórico e de detalle dos seus elementos máis significativos (igrexa, dependencias monásticas…).

Por último, desenvolveranse tarefas de divulgación entre a comunidade local dos traballos que levados a cabo e sobre os valores propios do lugar a través da realización dunha visita guiada, unha vez rematada a actuación, e realizarase unha memoria técnica da intervención no que se recollan os traballos realizados e os seus resultados, a presentar ao remate dos traballos de campo.

O Mosteiro de San Xoán de Camba

O antigo mosteiro de San Xoán de Camba foi durante moito tempo unha importante abadía e Real Mosteiro dúplice, cunha comunidade de homes e outra de mulleres. A súa fundación datase no século X, por obra de Diego I, bispo de Ourense. Desta primitiva construción so se conservan tres pezas de granito de claro estilo prerrómanico: unha ventá xeminada e dous releves (unha adoración e unha flaxelación) gardados no Museo Arqueolóxico de Ourense.

A igrexa actual, dos séculos XVI-XVIII e que funciona hoxe en día como templo parroquial, atesoura algunhas pezas artísticas de gran valor. A súa gran torre data de 1779, aínda que tamén conta cunha sancristía subterránea sen dúbida máis antiga. Aquí apareceron varios sepulcros antropoides e moedas do século IV de Constantino o Grande no seu interior, o que reflicte os séculos de historia deste lugar.
Ao sur da igrexa, consérvanse parte das dependencias do antigo mosteiro, hoxe en ruínas.

Este conxunto patrimonial ten a condición de ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia en virtude do artigo 30 da Lei 5/2016, do Patrimonio Cultural de Galicia. Aparece recollido no catálogo de bens culturais do Plan Básico Autonómico de Galicia, aprobado polo Decreto 83/2018, de 26 de xullo (DOG núm. 162, do 27.08.2018) coa clave 31250 e tamén aparece recollido no PXOM do concello de Castro Caldelas.

Artigos relacionados

Back to top button