OurenseÚltima hora

Tradición, cultura da raia, medio ambiente, deporte e gastronomía na XIII Festa Popular de Baltar

Presentación da XIII Festa Popular de Baltar.

 

O Concello de Baltar celebra o vindeiro sábado, 5 de agosto, a XIII Festa Popular na que se mestura a tradición e a cultura da raia con actividades destinadas a fomentar a conservación do medio ambiente, a degustación de produtos locais, iniciativas para unha vida saudable e o deporte.

A cita festiva que conta coa colaboración da Deputación de Ourense, presentouse esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo; e as representantes da organización, Laura López e María Gema Rodríguez.

O programa, que se desenvolverá en horario de tarde, pretende entre os seus obxectivos “lembrar que non hai fronteiras, de tal xeito que os asistentes poderán asistir a unha exhibición de folclore portugués”. Ademais dunha ampla oferta de xogos populares, no apartado gastronómico haberá unha degustación de produtos da terra, acompañados de porco ó espeto.

Na presente edición tamén se inclúe unha exposición do concurso medioambiental “Stop incendios”, no que participaron un cento de rapaces de entre tres e doce anos con debuxos relativos aos lumes forestais. E para o fomento de hábitos de vida saudables, a organización premiará a todas aquelas persoas que, de xeito voluntario, fagan un control de alcoholemia e dean negativo.

O deporte estará representado polo Campionato Galego de Parapente, proba que se celebra con carácter previo á competición nacional que tamén terá lugar na Serra do Larouco.

Artigos relacionados

Back to top button