ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A transformación do Aguillón rues está en marcha

A replantación da zona arbórea con especies de ribeira levarase a cabo a finais de novembro

Despois da tala de numerosos chopos na zona do Aguillón rues, danados e perigosos pola súa embergadura, quedaba a parte máis complexa e difícil da remodelación do espazo natural da Rúa, que xa está en marcha.

Antes do previsto, probablemente nesta semana, acabarán os traballos de limpeza (destoconado e nivelado do terreo). “A parte dianteira xa está nivelada e a traseira nun principio non se ía facer pero si que se nivelará porque quedou bastante mal”, explica a alcaldesa da Rúa, María G. Albert.

A rexedora adianta que o seguinte paso será a plantación e reposición de mobiliario urbano que se atopaba en bastante mal estado. “A intención era plantar en inverno que é cando mellor resultado dá pero como a limpeza está avanzada, penso que o faremos a finais do mes que vén, con árbores de ribeira de diferentes especies”, dí María, explicando que diferencian tres partes: unha máis pegada ao río, no paseo que parte do refuxio, no que se porán árbores máis frondosas para que quede ben marcada a zona de paso; outra na parte frontal da antiga chopeira na que farán unha plantación máis lixeira tendo en conta as diferentes celebracións que se podan levar a cabo  como a Baco Festa; e a parte posterior, onde as árbores irán plantadas en especie de círculos.

Con respecto ao resto da chopeira, segundo a alcaldesa o ideal sería ir pedindo permisos e talando os chopos que “son árbores de vida curta que poden converterse nun perigo e hai zonas que non me gusta nada como están. Pero o problema xa non é talar senón darlle saída ao espazo”, conclúe. De momento os propietarios do arboredo que hai antes de chegar ao pavillón, con varios árbores rotas e caídas (a zona de aparcamento está valada para evitar problemas) xa contan con todos os permisos para proceder á tala.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button