En portadaÚltima hora

Tras as pegadas dos valdeorreses e triveses que estiveron nos campos de concentración nazis

O barquense Jonatan Anta leva meses seguindo a pista destas persoas, boa parte das cales falecían mentres estaban presas, para reconstruír a súa historia

Jonatan Anta, na entrevista mantida co Periódico O SIL.

Malia que sempre lle interesou a historia da guerra civil e da segunda guerra mundial, descoñecía que nos campos de concentración nazis tivesen estado ourensáns. Descubríao por azar nunhas xornada que a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica organizaba en Carral no 2018.

“Aquilo impactoume, e como sempre me atraeu esa etapa histórica, decidín facerme voluntario desta asociación e así contactei coas persoas que estaba facendo estas investigacións na provincia de Ourense, entón pasaránme unha lista con persoas que eran de Valdeorras e de Trives e empecei a pescudar sobre eles”, conta o barquense Jonatan Anta Borrajo, que leva meses seguindo as pegadas destas persoas, boa parte das cales acababan falecendo nos campos de Gusen e Mauthausen (Austria).

Inicialmente recibía unha de seis persoas e, a medida que se mergullaba na investigación, ían saíndo máis nomes e agora son xa unha ducia. Entre eles están os de Antonio Diéguez Blanco e Benedicto Folia Arias, ambos naturais de Freixido de Arriba (Larouco) e que, por circunstancias da vida, acabaron coincidindo no campo de Gusen.

Tamén están nesa lista os nomes de Albino González, natural de San Miguel de Mones (Petín) e un dos poucos que logrou sobrevivir á esa dramática experiencia xunto co tamén valdeorrés Francisco García, e os de Tiberio Fernández de Corzos (A Veiga), Manuel Yebra do Seixo (O Bolo), Jesús Fernando Rodríguez de Cotarós (A Pobra de Trives), Vicente Amancio González da Rúa, Isaías Galán Rodríguez de Fornelos (O Bolo), Isaías Galán morto en Buchenwald ou o de José Moldes Álvarez de Vilanova (O Barco), cuxo falecemento nun campo aínda non está documentado.

Detrás de cada nome hai unha historia tráxica, descoñecida incluso en parte para os seus propios descendentes, e que Jonatan Anta trata de recuperar, rescatando tamén dese xeito a memoria destas persoas, cunha media de 30 anos, e que sufriron o horror nazi e, na maior parte dos casos, faleceron nos propios campos. Este estudoso está convencido que esta listaxe de nomes vai seguir medrando e agradece o apoio que está recibindo dos familiares destas persoas para amosar esta parte ata agora descoñecida da historia valdeorresa.

Jonatan Anta está a realizar este traballo en Valdeorras e forma parte do grupo de persoas que están a traballar na provincia neste mesmo tema, xa que están contabilizados un total de 41 deportados de diferentes zonas ourensás. O seu traballo está sendo coordinado dende a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica polo historiador Eladio Anxo Fernández.

Foto: Mónica G. Bellver.

Máis información ou consultas:
deportadosou@gmail.com
Facebook De Ourense aos campos nazis

Artigos relacionados

Back to top button