Con motivo dos 400 anos do inicio de construción do Santuario de Nosa Señora das Ermidas, o Concello do Bolo organizou unha serie de actividades gratuítas para dar a coñecer e promocionar este edificio singular protexido como BIC (Ben de Interese Cultural dende o ano 2006), exemplo espectacular do barroco galego e peza única na comarca ourensá de Valdeorras.
A terceira e última destas actividades conmemorativas é o concerto que terá lugar o 3 de agosto no Santuario con Xoan Curiel.
Treides comigo! é o sétimo traballo discográfico deste compositor galego, un traballo de madurez que bebe da lírica medieval galego-portuguesa dende unha mirada contemporánea. Un concerto rico en matices con músicos de gran nivel da música clásica, do folk e das músicas do mundo (Xoán Curiel, guitarras e voz; Iris Gey, voz; Virginia Lis, clarinete, Álex Salgueiro, frauta traveseira e frautas; Carlos Freire, percusión; e Ariel Ninas, zanfona), no que se interpretarán cantigas actualizadas de diferentes trobadores da lírica medieval galego-portuguesa (séculos XII a XIV) e dos Camiños de Santiago.