En portadaÚltima hora

Tremiñá (O Barco) celebrará o seu XV Mercado Medieval o 22 e o 23 de xullo

Contará cunha gran variedade de postos, música, demostracións de oficios tradicionais e teatro

Participantes na malla nunha edición anterior do Mercado Medieval de Tremiñá (O Barco)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras cinco anos sen celebrarse, na vindeira fin de semana recuperarase o Mercado Medieval de Tremiñá-Veigamuíños, que chega deste xeito á súa 15ª ediciónn. Esta singular feira retómase da man de dous mozos con moitas ganas e ilusón, Saúl e Amparo, coa colaboración de Carmen Pernas, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais desta zona, entidade que anteriormente se encargaba de organizar este evento. E, por suposto, coa colaboración e implicación da veciñanza así como do Concello do Barco.

“Contamos co apoio de moita xente que en anos anteriores desfrutaba desta feira e a idea de retomala tivo unha acollida estupenda”, explican os promotores. O mercado manterá unha dinámica similar a outras edicións con numerosos postos de variados produtos. “Poderán degustarse e mercarse licores, doces, mel, queixos, aceite, comida caseira e pulpo. Tamén haberá libros, traballos en madeira, lousa, ferro, cestería, artesanía con diferentes materiais e estilos…”, adiantan dende a organización. Os postos da feira abrirán en horario de 18h. a 22:30h. o sábado día 22 e entre as 12h. e as 14:30h. o domingo, reabrindo a partir das 18h.

Ademais, no decurso do mercado están previstas actividades complementarias, entre elas a visita do bruxo Maruxo ou unha proposta de teatro itinerante da compañía Teatromia do Barco (o día 22 ás 20:30h.). Non faltarán tampouco os xogos populares co IX Torneo de Bolos e o xogo da ra, así como unha demostración de oficios tradicionais (o día 22 ás 19h.) e a habitual malla (prevista para o 23 de xullo ás 20:30h.).

Outro ingrediente desta feira medieval sera a música coas actuacións dos Parrandas (o día 22 ás 21h.), de Abertal (o día 23 ás 12:30h.), dos Pándegas (o día 23 ás 19h.) e das Pandereteiras da Veiga (o día 23 ás 21h.).

 

Artigos relacionados

Back to top button