En portadaÚltima hora

Tres días cheos de actividades na XVI Feira do Viño de Monterrei, en Verín

Esta edición reunirá a 18 adegas na mostra que se instalará na Alameda do 11 ao 13 de agosto

Público visitando as casetas da anterior edición da Feira do Viño de Monterrei, na Alameda de Verín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Faltan pouco máis de 48 horas para que comecen as tres xornadas de celebración da XVI Feira do Viño Monterrei, que conxugarán actividades enogastronómicas, musicais e culturais destinadas a todas as idades. O núcleo principal da mesma será a tradicional mostra, que se celebrará na praza da Alameda de Verín, e na que esta edición estarán presentes un total de 18 das 28 adegas que conforman a denominación (Adegas Ladairo, Gargalo, Adega Valderello, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Adega Terras do Cigarrón, Triay, Adegas Terrae, Tapias Mariñán, Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Bodega Abeledos, Pazo de Valdeconde S.L., Franco Basalo, Adegas Daniel Fernández, Quinta Soutullo, Manuel Vázquez Viticultor e Serra de Alén).

O horario de apertura das casetas será o seguinte: venres 11 de 19.30 a 24.00 h. (venda anticipada a partir das 19.00 horas), sábado 12 de 12.30 a 14.30 h. e de 19.30 a 01.00 h., e domingo 13 de 12.30 a 14.30 h e de 19.30 a 24.00 h. E os prezos de 5 degustacións por dez euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.

Ademais das casetas das adegas, estarán presentes postos gastronómicos aptos para todos os públicos: La Alacena para llevar, Panadería Roscas, C. Regueiro, Filloas/Crêpes, Alacena-Puebla de Sanabria, Jamones Don Francisco, Conservas de Santoña, Queixería Gaia e Casa do Pulpo.

A inauguración da XVI Feira o Viño de Monterrei terá lugar o venres 11, a partir das 20 horas, na praza García Barbón, e o pregón correrá a cargo da presentadora de televisión Esther Estévez. Unha hora e media antes, ás 18.30 horas, celebrarase na Igrexa Parroquial de Verín, o acto de imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei. Nesta ocasión recaerán en Luis Buitrón, presidente da Federación Española de Enoloxía, Josefa Álvarez Araújo e Emilio Santos Rodríguez, dous veciños da comarca de Monterrei, con gran implicación no sector vitivinícola. A entrada será libre ata completar aforo.

Xa nas xornadas do 12 e 13 de agosto, están previstas a realización de catas comentadas e showcookings, para o público adulto, así como de xogos populares infantís. Están previstas ‘Introdución á cata dos viños de Monterrei’ (ás 13 horas do sábado, a cargo de David Pascual, presidente da Asociación Galega de Enoloxía), ‘Showcooking de Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova) e cata-harmonía con viños da D.O. Monterrei (Miguel López, director técnico do C.R.D.O. Monterrei)’. Neste caso será tamén o sábado, pero xa ás 20.30 horas. E a última delas será ‘Embaixadores de Monterrei’, o domingo ás 13 horas, e será impartida por Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres – AGASU.

Artigos relacionados

Back to top button