Unha tixola esquecida no lume provoca un incendio nunha vivenda en Ourense con tres persoas afectadas polo fume, tal como informan dende o 112 Galicia que recibia o avido dos veciños que escoitaron os berros de auxilio.
Faltaban apenas uns minutos para as dúas da tarde deste domingo 14 de xullo cando o 112 recibía o aviso de que saía fume dun terceiro piso situado na rúa Doutor Cabaleiro. “Dentro había persoas que pedían axuda, e un veciño acudiu a botar unha man”, explican dende o 112, indicando que “resultou ser unha das tres persoas que inhalaron fume do incendio: o veciño, a propietaria da vivenda, que usa cadeira de rodas, e unha traballadora doméstica”. En total, tres persoas que necesitaron asistencia sanitaria e polo que foron evacuadas ao centro hospitalario de referencia.
En canto ao incendio, “cómpre indicar que comezou por unha tixola esquecida no lume e estendeuse á campá extractora e aos mobles de arredor”, din dende o 112, engadindo que da extinción do lume ocupáronse os Bombeiros de Ourense e do traslado dos feridos os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. No operativo tamén colaboraron os axentes da Policía Local e Nacional.