Na pasada noite tres persoas tiñan que ser trasladadas por inhalación de fume tras un incendio que calcinou por completou unha vivenda en Quiroga, tal como indican dende o 112 Galicia, explicando que foi un particular quen, quince minutos antes da medianoite do mércores 25 de setembro, chamaba ao servizo de emerxencias para informar de que “estaba ardendo unha casa no lugar da Cruz de Outeiro, na parroquia quiroguesa de Outeiro. Nese momento, sinalou que había varias persoas no interior da vivenda e que non sabía se conseguiran saír ao exterior”.
Con esta información desde o 112 Galicia activaban un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Monforte o GES de Quiroga-Folgoso do Courel e os axentes da Garda Civil. “Tamén se informou ao persoal do distrito forestal da zona e aos voluntarios de Protección Civil de Quiroga”, engaden.
Pouco despois, tamén a propietaria da vivenda contactou co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias e alertou sobre o incendio, “sucedéndonse durante a noite diversas chamadas máis doutros veciños que eran testemuñas do ocorrido”, din dende o 112, asegurando que os equipos de extinción “traballaron no lugar durante toda a madrugada para apagar as lapas, e a súa rápida actuación impediu que estas se propagasen a outras vivendas próximas. Pouco antes das 5 horas, confirmaron que o incendio estaba controlado, e desta hora permanece no punto o GES de Quiroga monitorizando a situación”. Con todo, e tal como informan dende o servizo de emerxencias “o lume calcinou as estancias da casa na que se orixinou, todas elas contiguas e entre as que se contaban unha cantina, o garaxe e a adega”.
Finalmente, os profesionais sanitarios trasladaron a tres persoas por inhalación de fume ao centro hospitalario de referencia.