DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Dous podios para o Adas Natación na II Travesía a nado de Valdeorras

A proba, que se desenvolvía na tarde do 20 de agosto, reunía a preto de 80 nadadores galegos e tamén doutras comunidades como Castela e León

A natación competitiva voltaba na tarde do 20 de agosto ao encoro de Vilamartín. Preto de 80 persoas tomaban a saída nas proximidades das piscinas municipais na II Travesía a nado de Valdeorras, cita enmarcada no XIII Circuíto Galego de Augas Abertas. Boa parte dos participantes eran galegos, pero tamén había algúns procedentes de Castela e León.

A proba constaba de dúas distancias, 2.525 metros e 5.050 metros, e comezaba ás cinco da tarde. Numerosas persoas se achegaban as beiras para seguir a evolución da competición. Os primeiros en completar a distancia curta (sen neopreno), a de 2.525 m eran os coruñeses David Crespo e Sergio Picallo, sendo o terceiro nadador en chegar á meta Marcos Martínez de Ponteareas. Na clasificación feminina as tres primeiras foron, por esta orde, Laura Costa, María Ferreira e Cristina Calviño.

Na distancia longa o ganador da cita valdeorresa era Gaspar Andrade de Arzúa, seguido de Lucas Costa e Martín Carrera, ambos de Ponteareas. As primeiras clasificadas femininas eran a viguesa Carla Goyanes, seguida de Laura Rodríguez de Ponteareas e de Ana Veiga Souto da Coruña.

O club organizador da cita, o Adas Natación, tamén se subía en varias ocasións ao podio, así na distancia curta o barquense Eloy Rodríguez quedaba segundo en veteranos e Eva Goicoechea era primeira en veterano feminino.

A proba, organizada polo Adas Natación en colaboración cos Concellos de Vilamartín e do Barco, concluía coa entrega de premios, nos que ademais se entregaba unha mención especial ao triatleta Iván Raña, que participaba na travesía. De seguido, os nadadores desfrutaban dunha pancetada ofrecida pola Asociación de Coveiros de Vilamartín aos nadadores.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button