SanidadeÚltima hora

Trives comeza a mobilizarse para pedir o mantemento de servizo de Pediatría no verán

Publicidade
A alcaldesa accidental de Trives, Isabel González Fandiño, vén de presentar unha queixa formal/reclamación contra reestrutación temporal da Atención Primaria para o verán” neste servizo no centro de saúde desta localidade
A alcaldesa accidental de Trives, Isabel González, presentando a queixa ante a Consellería de Sanidade./ Foto cedida.

Coa presentación dunha queixa formal e reclamación ante a Consellería de Sanidade “pola reestruturación temporal da Atención Primaria para o período estival” no servizo de Pediatría do Centro de Saúde de Trives, veñen de iniciarse dende este Concello as mobilizacións contra esta decisión. A queixa presentábaa a alcaldesa accidental de Trives, Isabel González Fandiño, e nela pide que “se deixe sen efecto, restablecéndose o servizo como ata o momento viña prestando”. Despois dela, “moitos foron xa os pais e nais que se foron achegando a cubrir o formulario de reclamación ao Centro de Saúde da Pobra de Trives”, segundo se informa dende o Concello.

No escrito presentado pola alcaldesa accidental sinálase que “este ano dende a Consellería de Sanidade decidiuse realizar unha reestruturación que pretende agrupar o servizo de Pediatría en centros de saúde de referencia. E, en concreto, no caso que agora nos ocupa, cara ao Centro de Saúde de Maceda, onde se atoparía o pediatra que habitualmente viña sendo o encargado da nosa zona, o Centro de Saúde da Rúa”.

Para Isabel González “semellante decisión levou a unha serie de graves perxuízos aos usuarios do servizo, comezando polo desprazamento. A día de hoxe existen moi malas comunicacións por transporte público con esas localidades: co Concello de Maceda, ao que habería que acudir necesariamente se o que se pretende é unha revisión pediátrica, non hai ningunha liña de autobús activada na actualidade. Con Concello da Rúa, existe unha única posibilidade: saída ás 6:40h. da mañá da Pobra de Trives con volta única ás 18:30h. da tarde”.

O texto tamén incide nas “innumerables molestias” que suporían eses desprazamentos de 52 km a Maceda e de 25 km á Rúa e en que “os dous centros asignados son, xa de seu, centros excesivamente saturados, que dificilmente poderían dar a debida cobertura á nosa poboación pediátrica”. A queixa presentada dende o Concello trivés conclúe sinalando que “témese que esta ausencia de pediatra no noso Centro de Saúde non sexa só conxuntural, senón máis ben definitiva, o que levaría a ter que tomar medidas máis drásticas contra a mesma por parte desta Administración e da cidadanía en xeral”.

“Planificación temporal” pola “falta de especialistas”, segundo Sanidade

Dende a Consellería de Sanidade vén de emitirse unha nota de prensa na que se asegura que “esta planificación temporal da atención pediátrica durante o período vacacional, permitirá un acceso á atención pediátrica especializada, con pediatra e enfermeira, garantindo deste xeito a continuidade asistencial pediátrica”. E argumenta que, “ante a imposibilidade de contar con especialistas, para cubrir os permisos por vacacións ou baixas laborais do pediatra que atende aos 186 nenos dos centros de saúde de Trives, Manzaneda e San Xoan de Río, este servizo de apoio de Atención Primaria centralizarase nos centros de A Rúa e Maceda, podendo elixir calquera deles”.

Esta reordenación responde “a actual carencia de pediatras tanto en Galicia como no resto de España, e conta co consenso da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria, que avaliaron esta estratexia do Servizo Galego de Saúde, de cara a optimizar e manter o modelo asistencial actual, dacordo cos condicionantes da nosa comunidade”, sinalan dende a Consellería de Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button