CulturaCulturaÚltima hora

Triple premio para “A Esmorga” no Festival Cinespaña de Toulouse

Publicidade
Convertíase na longametraxe con máis galardóns neste certame que se celebraba do 2 ao 11 de outubro
Membros do equipo de "A Esmorga", cos tres premios recibidos en Toulouse (Francia)./ Foto: Vía Láctea Filmes.
Membros do equipo de “A Esmorga”, cos tres premios recibidos en Toulouse (Francia)./ Foto: Vía Láctea Filmes.

Con tres galardóns volta de terras galas o equipo da película “A Esmorga”, do director valdeorrés Ignacio Vilar. Colleitábaos na 20ª edición do Festival Cinespaña de Toulouse, que se desenvolvía entre o 2 e o 11 de outubro nesta cidade francesa.

Así durante a gala de clausura do certame, celebrada o 10 de outubro, o filme galego (Vía Láctea Filmes, Editorial Galaxia e TVG, 2014) era distinguido co premio á mellor dirección, en mans de Ignacio Vilar, co premio á mellor interpretación masculina ex aequo para Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán “Morris”, e coa distinción á mellor fotografía, para Diego Romero Suárez-Llanos.

Cinespaña está considerado como un dos festivais “de cinema español máis importante que se celebra no mundo fóra de España. “A Esmorga” foi seleccionada entre máis de 80 longametraxes e participou na sección oficial a competición con 7 longametraxes na presente edición. Ademais resultou o filme máis premiado con 3 galardóns”, tal e como se destaca dende Vía Láctea Filmes.

Os galardoados na vinte edición deste festival francés, na gala de clausura./ Foto: Vía Láctea Filmes.
Os galardoados na vinte edición deste festival francés, na gala de clausura./ Foto: Vía Láctea Filmes.

O xurado desta vinte edición do Festival Cinespaña de Toulouse, presidido polo cineasta galo Yves Boisset, calificaba a película como “un filme orixinal a todas luces”.

Artigos relacionados

Back to top button