EconomíaEconomíaÚltima hora

Trives celebrará a súa propia Oktoberfest con cervexa, gastronomía alemá e moita música

Terá lugar os días 13 e 14 de outubro e será organizada nesta vila pola AC RíoMola e polo Disco Pub Curvi

 

 

As Terras Trives contarán neste outono coa súa propia Oktoberfest. Chegará da man da AC RíoMola e do Disco Pub Curvi e celebrarase os días 13 e 14 de outubro con cervexa e gastronomía alemá a prezos populares, mentres se escoita música en directo. Así na noite do venres 13 inaugurarase o recinto feiral onde se desenvolverá o Oktoberfest, instalado nas inmediacións do Disco Pub Curvi.

 

O grupo trivés As Macizas Centrais.

 

“A Pobra de Trives será unha nova sede, e se a primeira edición é un éxito, a Oktoberfest repetirá edicións nos vindeiros anos”, adiantan dende a organización. Dentro dun programa moi amplo e con moitas sorpresas aínda por desvelar por parte da organización do evento, 3 concertos serán os puntos fortes desta festa da cervexa. O venres as 22:00h o grupo trivés As Macizas Centrais, será o encargado de animar o ambiente. O día seguinte, sábado, dous concertos serán os puntos fortes desta Oktoberfest. As 21:00, “Ary”, a “gran promesa musical do concello de San Xoán de Río”, segundo a organización, será a encargada de animar ao numeroso público que se prevé que asista a este evento. A continuación a xa consagrada “Loro” de Castro Caldelas deleitará aos asistentes coa súa música.

Trala finalización da Oktoberfest de Trives arredor da medianoite do sábado a festa continuará no Disco Pub Curvi. Os beneficios desta primeira edición donaranse á Comisión de Festas de San Xoán de Río para a organización das festas de San Xoán do 2018, polo que “se anima a xente á máxima asistencia xa que non é un evento lucrativo e todo o beneficio repercutirá na xente da comarca”, aseguran dende a organización.

Artigos relacionados

Back to top button