ConcellosÚltima hora

Trives contará cunha Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero

Así o acordaba por unanimidade a sú Corporación municipal na sesión plenaria celebrada o 27 de xaneiro

Exterior do Concello da Pobra de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Cun minuto de silencio contra a violencia machista e en repulsa polo asasinato da Pastoriza iniciábase a sesión plenaria que a Corporación de Trives celebraba o 27 de xaneiro. Este xesto era unha proposta da alcaldesa, Patricia Domínguez.

No decurso deste pleno resultaban aprobadas por unanimidade tres mocións presentadas polo grupo municipal socialista. Nunha delas acórdabase constituír a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero como unha ferramenta operativa na que estarán representados todos os ámbitos municipais, e outros, implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero co obxecto de procurar unha maior eficiencia de todas as actuacións a tal fin”, segundo a moción.

Trátase dunha iniciativa que “busca incrementar o grao e a calidade da coordinación interinstitucional por parte de todas as administracións públicas, e contribuír así a optimizar a accesibilidade aos recursos e á prestacións dos servizos de atención ás mulleres do noso ámbito municipal afectadas por situacións de violencia de xénero”, segundo se expoñía no pleno.

Noutra das mocións acordábase “instar á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial de Ourense para que revoquen a decisión imposta dos nomeamentos dos conselleiros e procedan ao nomeamento coma conselleiros do alcalde de Manzaneda e da alcaldesa de Trives para garantir a representatividade dos nosos pobos e a transparencia na xestión”. Así como, “instar á Deputación Provincial de Ourense e á Xunta de Galicia a que revoquen a decisión imposta sobre o modelo de xestión e procedan a adoptar o acordó de levar a cabo unha xestión pública coa esixencia de que quen esté ao fronte da xestión directa da mesma conte con experiencia e solvencia acreditada en xestión e dirección de estacións de esquí e de montaña, para garantir o futuro da estación e a viabilidade da mesma e primar a transparencia na xestión que deberá revertir positivamente no noso pobo, no seu tecido empresarial e no respeto aos traballadores e traballadoras da estación”.

Finalmente esta moción, aprobada tamén por unanimidade no pleno, pedía á “Deputación de Ourense que proceda, sen dilación a cumprir cos seus compromisos en relación á estrada de acceso á estación para que proceda ao pintado da mesma (…) e que leve a cabo as medidas precisas para rematar as obras na devantida estrada, garantindo uns accesos dignos á estación da Cabeza Grande de Manzaneda”.

A terceira moción aprobada amosaba o rexeitamento “á política de desmantelamento na sanidade no rural levada a cabo pola Xunta de Galicia, xa que logo dado o acontecido no hospital de Verín, os criterios seguidos pola Xunta e as súas políticas poñen en risco a continuidade do paridoiro no hospital de Valdeorras, polo que instamos á Xunta de Galicia a aclarar se van estender a decisión de recortar o servizo de paridoiros noutros hospitais comarcais de Galicia, nomeadamente no de Valdeorras”.

 

Artigos relacionados

Back to top button