Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

Trives, entre os concellos galegos cunha maior taxa de doazón de sangue

Resultaba distinguido con motivo da celebración do Día Mundial do Doador de Sangue

Ata 69 doazóns por cada 1.000 habitantes. Esta é a taxa de doazóns que acadaba o municipio da Pobra de Trives no pasado ano 2017. Esta cifra supera as 40 doazóns por cada 1.000 habitantes que recomenda a Organización Mundial da Saúde e convérteo no concello ourensán con maior taxa de doazón e nun dos primeiros de Galicia. Así se lle recoñecía o 14 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Doador de Sangue, nun acto que se celebraba na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Alí o alcalde da Pobra de Trives, Domingo Diéguez González, recollía a distinción da Axencia de Doazóns de Órganos e Sangue (Ados) ao Concello de A Pobra de Trives, por ser un dos municipios con maior taxa de doazóns de Galicia, xunto con Padrón, Meira, A Guarda, e Ordes. Entregáballa Marisa López García, directora de ADOS.

Tras a entrega de todos os recoñecementos, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, clausuraba o acto, dando os parabéns a todos os disitinguidos e animando a toda a cidadanía a doar. Pola súa banda, o alcalde Domingo Diéguez trasmitiu as súas felicitacións “para toda a veciñanza de Trives por ese recoñecemento”.

Neste mesmo acto entregábanse recoñecementos ás empresas que fomentan a doazón entre os seus empregados (un total de trece, entre as que figuran o Grupo Coren e Faurecia Ourense), nas Forzas Armadas, nos centros de ensino universitario e non universitario (con centros como a Universidade de Vigo e o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel), nas iniciativas innovadoras e nas campañas especiais de doazón e nas irmandades de doadores.

Artigos relacionados

Back to top button