En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Trives estrea sinalización turística con WebApp

Xa está operativa en tres rutas do concello, unha delas urbana, e busca poñer en valor os recursos patrimoniais e culturai a través do móbil

Permite poder navegar co móbil para ir descubrindo recursos turísticos, pero non é unha APP. O Concello de A Pobra de Trives vén de poñer en marcha unha nova sinalización turística para achegar a veciños e visitantes os recursos patrimoniais e culturais a través do móbil mediante un sistema denominado WebApp, sen necesidade de descargar nada co teléfono e en tres idiomas inicialmente (galego, español e inglés).

Así o explicaban na mañá do 15 de novembro en rolda de prensa o seu alcalde, Francisco José Fernández, e o técnico que instalou o sistema, José Manuel Barros. Sinalizáronse tres rutas: a Urbana, Os Sequeiros e Penalonga. Neste último traxecto acondicionouse ademais o sendeiro que leva a “Cidadela de Santa María”, zona que se conserva un lagar e unha inscrición medieval. O Concello traballa tamén para convertela en BIC (Ben de Interese Cultural).

 

O alcalde trivés, explicando esta nova ferramenta./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Todos os recursos están xeoposicionados e terán unha breve explicación, pero sempre deixando que o turista disfrute do que está a ver e que o móbil sexa unha ferramenta de axuda. Ademais todos eles son complementados con audios, vídeos e fotos. Por outro lado, toda a información que está nesta WebApp pódese compartir en redes sociais dando maior difusión, segundo explicaba Barros, e pode actualizarse constantemente.

 

Pegatina co código, no exterior dun establecemento de hostalaría trivés./ Foto: Carlos G. Hervella.

Esta nova sinalización presentabáselle aos hostaleiros triveses o 14 de novembro e tamén eles colaborarán coa iniciativa. “Nos establecementos colócase unha pegatina cun cógido QR e na zona do mostrador instalarase un display informativo sobre esta nova ferramenta”, comentaba Francisco José Fernández.

Ao mesmo tempo o alcalde trivés anunciaba unha nova páxina web, que se prevé funcione de cara ao Nadal, cun enfoque máis turístico que o portal co que actualmente conta o Concello en internet. Nela incluírase un calendario con todas as actividades que se leven a cabo na Pobra de Trives, ben sexa organizadas dende o propio Concello, o ben da iniciativa privada ou calquera de asociación da vila.

Por outra banda, o Concello da Pobra de Trives estará os días 17, 18 e 18 deste mes no Recinto Feiral de Expourense participando en Sportur Galicia, un Salón de Deporte e Turismo Activo, onde tamén dará a coñecer este novo proxecto de sinalización.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button