ConcellosÚltima hora

Trives festexará o “Día da Muller Rural” o 15 de outubro

O Centro de Información á Muller do Concello da Pobra de Trives vén de dar a coñecer o programa de actividades para conmemorar esta data

 

Programa de actividades en Trives.

Con diversos actos celebrarase en Trives o vindeiro 15 de outubro o “Día da Muller Rural”. Será ademais fóra da vila, en concreto en Casa Agenor de Cova e baixo o lema “Faite visible, apúntate!!!”. O programa de actividades comezará a partires das 19:30h. con parladoiros e charlas-coloquio coa presenza da directora e psicóloga e da asesora xurídica do Centro de Información á Muller (CIM).

Seguidamente, terá lugar un obradoiro sobre elaboración de licor de crema de augardente e, finalmente, ás 21h. farase unha cea de confraternidade como homenaxe ás mulleres de Terras De Trives. Será na mesma Casa Agenor e o prezo é de 13€ por persoa. As entradas da cea deberán retirarse nas oficinas do Concello de Trives antes do propio día 15 pola mañá.

“No Día da Muller Rural conmemoramos a inestimable contribución das mulleres rurais ao desenvolvemento e á loita das mulleres por conseguir unha participación activa en todos os ámbitos da sociedade e, de maneira especial, no desenvolvemento sustentable, na produción e na seguridade alimentaria, así como tamén no coidado dos nenos e maiores”, explican dende o Centro da Muller (CIM) de Trives, promotor dos actos.

O Concello de Trives anima “ás veciñas do rural a que participen nestes actos e que valoren todas as posibilidades do seu medio e que visibilicen as vantaxes que ten o feito de vivir e traballar no rural, moitas veces infravaloradas ou descoñecidas”.

 

Artigos relacionados

Back to top button