ConcellosEn portadaTrivesÚltima hora

Trives recibirá aos Médicos Galegos para homenaxear a Julio Ancochea polo seu nomeamento como fillo predilecto

O acto será o sábado no Auditorio, para continuar cun encontro con familiares, amizades e veciñanza e rematar coa comida de verán de Asomega, que preside Ancochea

O neumólogo trivés, que preside a Asociación de Médicos Galegos, lendo o pregón das Festas do San Bartolomé de Trives o ano pasado./ Foto cedida.

 

Esta fin de semana A Pobra de Trives será o punto de reunión dos médicos galegos por dous motivos ben diferentes pero estreitamente relacionados. O xefe de Neumoloxía do hospital La Princesa de Madrid, Julio Ancochea, recibirá o sábado o título de fillo predilecto da vila e, un par de horas máis tarde, a Asociación de Médicos Galegos (Asomega), que preside o propio Ancochea, celebrará o seu Encontro de Verán coincidindo con este acto solemne. Realizarase así unha dobre homenaxe a un profesional cunha gran vinculación con esta terra, destacando a súa implicación cos veciños e veciñas durante a pandemia.

O acto de designación de Ancochea como fillo predilecto (o sábado, día 5 de agosto), comezará ás 12 horas e levarase a cabo no Auditorio Julio Vázquez, con capacidade suficiente para acoller a amizades, colegas, familiares, veciños e veciñas de Trives que queiran asistir. Para as 13 horas está previsto un encontro cun viño e petiscos.

O xantar, que xa formará parte da axenda do encontro de verán de Asomega, comezará ás 14:30 horas e terá lugar no Restaurante La Viuda, de Trives, localidade que volve a acoller esta cita despois de 7 anos. Tal e como confirmaron dende Asomega, preto dun cento de médicos xa confirmaron a súa asistencia. Está previsto que ao finalizar a comida, Ancochea entregue aos representantes da Asociación Esclerose Múltiple do Morrazo un cheque cos fondos reunidos na II Feira da Saúde celebrada en Madrid no mes de abril.

 

Asistentes ao xantar de Asomega en Trives celebrado en agosto de 2016. /Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button