DeportesÚltima hora

Trives será protagonista da etapa raíña de montaña da XXI Volta Ciclista a Galicia o 16 de setembro

Nun percorrido circular con saída e meta no centro da vila, terá metas volantes na Rúa e en Chandrexa de Queixa

Presentación da 3ª etapa da Volta Ciclista a Galicia./ Foto cedida.

 

Dous días despois da presentación en Santiago da XXI edición da Volta Ciclista a Galicia que se celebrará en catro etapas do 14 ao 16 de setembro, a etapa raíña de montaña, a 3ª, que se celebrará o vindeiro 16 de setembro era presentada na Pobra de Trives que será saída e meta da ronda ese día.

O acto tiña lugar na mañá deste venres 8 de setembro no Salón de Plenos do Concello de Trives, contando entre outros, coa presenza do concelleiro de Deportes de Trives, Fermín Santoveña; do presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; do alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez; do xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; e da alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez.

A XXI edición da rolda organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) contará con dezaseis equipos, oito deles galegos, que estarán na liña de saída dun percorrido montañoso co que se homenaxea a Gustavo César Veloso, un dos grandes referentes do ciclismo autonómico durante as dúas últimas décadas.

 

 

O percorrido arranca con dúas xornadas na Pobra do Brollón: o xoves 14 unha contra o reloxo individual de 6,7 quilómetros e ao día seguinte saída e chegada dun itinerario de 148 km, que inclúe tres portos de montaña. A caravana desta proba trasladarase o sábado á provincia de Ourense. O municipio da Pobra de Trives desfrutará do arranque e da conclusión dunha tirada de 131,3 quilómetros inclúe a subida a tres portos de montaña, un deles o Alto da Moá de 1ª categoría e que está considerada a etapa raíña desta edición. A clausura da rolda galega terá como escenario a cidade de Pontevedra, onde o domingo se porá en marcha e finalizará un trazado de 133 km no que unha vez máis os ciclistas deberán ascender tres portos de montaña. 

Sobre a etapa da provincia de Ourense, o concelleiro de Deportes de Trives, asesor no deseño do percorrido, asegurou que estará “á altura do que a carreira merece e será onde se decid ao vencedor”, destacando que se trata dun percorrido “bonito que por todos os concellos da comarca, con saída e meta no concello no que espero todos desfruten e que o tempo acompañe”.

O presidente da Federación pola súa banda, ratificou que se trata dunha “etapa fermosa e dura” destacando a relevando da rolda como “antesala do ciclismo profesional”. A ourensá será “unha etapa fermosa a nivel paisaxístico e moi interesante a nivel deportivo pero tamén dura con máis de cen quilómetros e case 3.000 metros de desnivel na que os equipos poranse as pilas”, dixo agradecendo a colaboración dos concellos polos que pasa, con esas metas volantes en Chandrexa de Queixa e A Rúa e animando á xente a que saia á rúa a desfrutar deste evento deportivo e animar aos ciclistas.

 

 

A saída darase ás 12 horas dende a rúa Eumenio Ancochea e no km 6,2 xa se coroará o primeiro porto do día, o Alto da Ermida (3ª categoría) no concello de Larouco. A seguinte dificultade montañosa será o Alto da Moá, de 8 km de lonxitude e un desnivel medio do 8,9%, e a etapa conclúe na subida de 3ª categoría A Pobra de Trives, onde a liña de meta estará situada no centro da vila. A tirada rematará ao redor das 15:15 horas.

Chandrexa de Queixa e A Rúa exercerán de Metas Volantes. O itinerario complétano os concellos de Manzaneda, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Rivas do Sil, Quiroga e Petín. 

Na presentación tamén se proxectaron dous vídeos, un cos mellores momentos da edición do ano pasado con etapa na Estación de Montaña de Manzaneda; e outro do percorrido da terceira etapa, pechando o acto a alcaldesa.

Patricia Domínguez asegurou que a proba ciclista celebrarase en plenas festas do Cristo e da Dolorosa e supón “unha posta en valor do territorio non só do concello senón da comarca e de lugares con gran tradición ciclista como A Rúa, pasando por Chandrexa, Manzaneda, Castro Caldelas, San Xoan de Río,… É un xeito de formar parte dun escaparate e dar a coñecelo máis alá do que xa se coñece a nivel turístico”. A rexedora tamén asegurou que Trives “é berce do deporte e do ciclismo, por onde pasaron grandes corredores e seguirán a pasar”, animando a todo o mundo “a que nos acompañe e desfrute do ciclismo galego e que tamén quede ás festas”.

 

Artigos relacionados

Back to top button