O Concello de Trives vén de solicitar algo máis de 2 millóns de euros de fondos europeos para levar a cabo accións de eficiencia enerxética. “Con estes fondos, o pavillón polideportivo será obxecto dunha reforma integral para a mellora da eficiencia enerxética e instalacións. Do mesmo xeito, o Auditorio ou Casa da Cultura contará tamén con melloras de aforro de enerxía e instalación de circuíto de aire frío e quente incluíndo calefacción”, adianta o grupo de goberno trivés.
Trátase dun proxecto de enerxía limpa que prevé ademais a instalación de paneis solares en edificios de titularidade municipal (entre eles o colexio), “o que permitirá un importante aforro no consumo (e por tanto de custos) e cuxa instalación se orienta á creación de comunidades enerxéticas que permitirán non só o aforro en instalacións municipais senón tamén no recibo de luz dos veciños e veciñas de Trives”, sinala o grupo de goberno local.
A estas actuacións, continúa, “únese a renovación da frota de vehículos antigos e que supoñen un gasto en reparacións e consumo ao concello por catro vehículos eléctricos así como a instalación de distintos puntos de carga eléctrica para o uso común dos triveses. Un proxecto moi completo que abarca mesmo a telegestión da iluminación pública para maior comodidade e efiencia de todos”.
A medida abarca cinco liñas diferenciadas, segundo explica o Concello:
1: Redución da demanda e o consumo enerxético en edificios e infraestruturas públicas orientados á creación de comunidades enerxéticas.
2: Instalacións de xeración eléctrica renovable para autoconsumo
3: Instalacións de xeración térmica renovable e de redes de calor e/o frío
4: Loita contra a contaminación lumínica, iluminación eficiente e intelixente, Smart Rural e TIC
5: Mobilidade Sostible
A totalidade de actuacións solicitadas ao amparo dos Fondos Next Generation polo consistorio trivés apostan polo impulso do desenvolvemento sostible, enerxía limpa e eficiencia enerxética. Todo iso ao amparo do programa DUS 5000.