En portadaEntroidoGalerías de fotos

Trives, unha vila marcada polo son do Entroido

Acollía o XI Encontro de Folións, promovido por Os Labregos

O son do Entroido tomaba Trives na tarde do 8 de febreiro. A partires das catro e media da tarde a vila convertíase en escenario do XI Encontro de Folións. Unha ducia de fulións chegados de diferentes puntos do oriente ourensán concentrábanse na finca da Barreira e dende alí comezaban un longo percorrido que remataba na céntrica praza do Reloxio.

Os primeiros en desfilar eran os membros do Folión Os Labregos, organizadores deste encontro en colaboración co Concello de Trives. De seguido, saían os de Buxán (O Bolo), Os Arrieiros (Petín), A Veiga, A Lardeira, Chandrexa de Queixa, Carracedo da Serra, Xuntos polo Fulión (Vilariño de Conso), A Caniceira, Fradelo (Viana do Bolo), As Maceiras e Manzaneda.

Numeroso público seguía o percorrido marcado pola cor, forza e expresividade das diferentes máscaras así como pola intensidade dos diferentes toques. Ao redor das oito da tarde, concluía o percorrido e de seguido os folións participantes eran agasallados dende a organización cunha merenda no pavillón polideportivo trivés.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez

Máis información no Especial Entroido do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button