EconomíaEconomíaÚltima hora

Un Boteiro de Viana, imaxe central do expositor do Inorde na feira Intur, en Valladolid

 

A provincia de Ourense volverá, por segundo ano consecutivo, a estar presente na Feira Internacional do Turismo de Interior, Intur, en Valladolid, do 17 ao 20 de novembro, co obxectivo de promocionar os recursos turísticos do territorio ourensán neste mercado de proximidade. Para iso, o Inorde conta cunha caseta propia que representará a toda a provincia e que fomentará a proxección de produtos asociados á marca turística como, por exemplo, ao turismo termal, como o innovador programa de Termalismo Social posto en marcha pola Deputación de Ourense e que, ano tras ano, atrae a numerosos visitantes ao noso destino.

Doutra banda, a imaxe cabeceira da caseta elixida para esta edición está asociada a unha das máscaras do Entroido (en concreto, trátase dun Boteiro de Viana do Bolo). A escolla de usar unha máscara vén tras a experiencia da participación do ano anterior, no que o público asistente mostrou moito interese por coñecer a etnografía da provincia, na que tanto o Entroido como as súas numerosas máscaras forman parte indispensable do patrimonio inmaterial.

Fronteira Esquecida

Así mesmo, a rexión Limia terá o seu propio espazo na caseta da provincia, promovido polo proxecto europeo “Fronteira Esquecida” do que forma parte a Deputación de Ourense, e que está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Programa

A participación do Inorde na Feira comezará o día 17 de novembro, o mesmo día que arrinca a feira, na xornada dirixida exclusivamente a profesionais, Intur Negocios, dando a coñecer a oferta da nosa provincia aos comercializadores turísticos. Ao mercado de contratación asisten 70 operadores turísticos dos cales 51 son nacionais e os 19 restantes proceden de Portugal, Francia, Italia, Irlanda, Australia, Bélxica, Canadá, Corea, Finlandia, Países Baixos, Estados Unidos e Polonia.

Ao día seguinte, o 18 de novembro, ademais de participar no acto inaugural da 25ª edición da Feira, realizarase unha presentación específica para axencias de viaxes da rexión de Castela e León na caseta, centrada na oferta de turismo de interior da provincia de Ourense e, dun modo particular, a desta rexión do Limia. Desde o 18 ata o domingo 20, Intur Viaxeiros mostrará ao visitante as infinitas propostas que presentan comunidades autónomas, cidades, pobos, comarcas e empresas.

Intur

A Feira Internacional do Turismo de Interior, Intur, celebra este ano as súas 25 edicións como referente dun sector que ten na cultura, a natureza e a enogastronomía os eixos fundamentais da súa actividade. Esta edición volve desenvolverse con esa dobre condición de evento para profesionais e viaxeiros, dúas propostas diferenciadas que terán lugar o xoves 17, coa xornada de Intur Negocios e desde o venres ata o domingo, Intur Viaxeiros.

Artigos relacionados

Back to top button