OurenseÚltima hora

Un “cabichómetro” medirá o nivel de cabichas que se botan ao chan na cidade

O Concello vén de pór en marcha a campaña “Á caza da Cabicha” coa que buscan concienciar aos fumadores a que non tiren as cabichas ao chan
A acción será levada a cabo pola asociación Sustinea.

O Concello de Ourense vén de pór en marcha unha campaña de concienciación denominada “Á caza da cabicha”. O obxectivo é o de concienciar á cidadanía deste problema medioambiental que ocasiona tirar cabichas de tabaco ao chan. As concellerías que levan a cabo esta iniciativa son as de Voluntariado, Medio Ambiente, Limpeza e Seguridade Cidadá e a empresa concesionaria do servizo de Limpeza, Ecourense, e será desenvolvida por Sustinea.

Paulo Vázquez, representante de Sustinea, explicou que dende a súa asociación proporán un programa de voluntariado para colaborar na campaña: “unha campaña da cidadanía para a cidadanía”, dixo. Entre as accións que farán este equipo de voluntarios está a de concienciar “a aqueles cidadáns que están a fumar na cidade” de que non tiren a cabicha ao chan. Para levar a cabo esta acción, “iremos vestidos dos cazadores de cabichas, como os Caza Pantasmas” e irán pola cidade facendo a “performance” para facer deste acto concienciador “un acto lúdico”, dixo Paulo Vázquez.

Pero esta non é a única acción que farán estes “cazadores de cabichas”, xa que tamén recolleran todos eses cigarrillos esparexidos polo chan “e os imos meter nun cabichómetro” que se vai expoñer no Paseo “para concienciar á xente da cantidade de cabichas que hai no chan en Ourense e que, normalmente non se visibiliza porque están esparexidas”.

Este representante asegurou que a problemática das cabichas na rúa ten tres vertentes: medioambiental, “xa que son elementos moi contaminantes”; de saúde, xa que “os nenos poden collelas e levalas á boca, así como as nosas mascotas”, dixo; e, finalmente, un problema de imaxe, “xa que temos que facer Ourense unha cidade máis limpa, e para iso é importante que non sigamos con esta actitude”.

Outra vertente é a de implicar aos bares para que se unan ao proxecto. “Imos falar para que poñan cinceiros na terraza e que animen aos clientes a non tirar cabichas no chan e logo darémoslle un premio aos que mellor o faga”.

As campañas de accións na rúa estenderanse durante 9 semanas ( os días 9,16, 23 e 30 de xuño, e 1,8,15, 22 e 29 de setembro), pola mañá. Dende o 1 de xuño quedará exposto o “cabichómetro” na rúa do Paseo. Dende o 1 de xuño comezarase a traballar cos establecementos e bares, para que se sumen á campaña e poida acoller o selo distintivo.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, lembrou que a ordenanza municipal xa recolle sancións por tirar cabichas ao chan “a multa para as infraccións leves, como esta, é de 90,16 euros”, lembrou. O rexedor municipal asegurou que “a limpeza da cidade é un problema de todos e, moitas veces vemos que a xente tira as cabichas ao chan e tamén os condutores baleiran os cinceiros na rúa”. Vázquez tamén lembrou que os bares “están na obriga” de manter limpo o espazo da terraza segundo a normativa municipal.

 

Artigos relacionados

Back to top button