A RúaConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

‘Un canto pola paz’, o concerto de Abertal na Rúa para axudar aos refuxiados de Ucraína

A recadación será entregada a Cruz Vermella, encargada de facer chegar a axuda humanitaria ao seu destino

 

A comarca de Valdeorras non é allea á terrible situación que se vive en Ucraína debido ao conflito bélico e segue facendo alarde dunha gran solidariedade organizando recollidas de material para enviar, así como concentracións e manifestacións de repulsa á guerra, ademais de dar acollida. Dende a Asociación Cultural Abertal da Rúa tamén se suman a estas iniciativas cun concerto benéfico que na tarde-noite deste venres 25 de marzo enchía de música e baile o Centro Cultural Avenida.

 

O alcalde da Rúa, Álvaro Fernández e a tesoureira da Asociación Cultural Abertal, Paula Fernández.

 

Antes de dar comezo ao concerto no que a agrupación tradicional farcía un repaso polo seu repertorio máis recente, con pezas da banda de gaitas, algo de baile e tamén do grupo de pandereteiras, dende a directiva da asociaación cultural Paula Fernández explicaba que ían facer o que mellor se lles dá “bailar, tocar e cantar pola paz”, nun concerto especialmente adicado aos ucraínos recentemente acollidos na Rúa e presentes na sala, “para lembrarnos a nós mesmos que a paz é o máis valioso”, dixo, dando as grazas ao público que atendeu á chamada de Abertal “acompañándonos nesta noite e arroupando aos nosos alumnos que poñen toda a súa vontade en favor desta causa. Non somos profesionais e facémolo coa mellor intención o mundo”, dixo, lembrando a colaboración do Concello, da Imprenta Ragar polos carteis e a Cruz Vermella “polo gran labor que está facendo en todos os lugares onde son tan necesarios”.

Pola súa banda, a presidenta de Cruz Vermella Valdeorras, Mariví Núñez, só tiña palabras de agradecemento pola iniciativa. “A música xa de por si enche os corazóns e cando o fin é axudar a esas persoas que o están pasando tan mal, non hai palabras para definilo. Síntome abraiada. Grazas de corazón”, dixo.

 

O director da Banda de Gaitas Abertal, Óscar Guerra.

 

O concerto tamén contou coa colaboración do Concello da Rúa, sendo o propio alcalde, Álvaro Fernández, quen daba a benvida ás familias ucraínas. “Tiñan unha vida tranquila e por culpa de xente que non pensa na paz nin nas persoas, viron como se truncaba tendo que refacelas en distintas partes do mundo, algunhas aquí, na Rúa”, dixo Álvaro, destacando as iniciativas que está levando ca cabo a poboación para axudalos como é o caso de Abertal con esta iniciativa para recadar cartos. “Esta xente está vivindo unha situación moi difícil polo que pido que os arroupedes e sigamos axudando no que poidamos pero deixando certa distancia para que poidan vivir con tranquilidade”, concluía.

De seguido, o escenario era de Abertal, dos pequenos, dos mediados e dos grandes que, entre aplauso e aplauso, daban o mellor de si mesmos por unha boa causa.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button