OurenseÚltima hora

Un cento de escolares de Ourense asisten á entrega do XVII Premio “Pura e Dora Vázquez”

Begoña Graña e María José Rodríguez recollían o galardón no colexio Mestre Vide

Asistentes á entrega dos Premios Pura e Dora Vázquez.

 

O colexio público Mestre Vide de Ourense foi o centro escollido este ano para a entrega do XVII Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración e ilustración infantil e xuvenil que organiza a Deputación de Ourense, que na presente edición recaeu na escritora Begoña Graña pola súa obra Adrán e a fábrica de xeo e na ilustradora María José Rodríguez. O presidente provincial, Manuel Baltar, entregaba os dous galardóns -diploma acreditativo e un premio de 1.500 euros- nun acto que contou coa presenza dun cento de escolares de 5º e 6º de Primaria -que tamén gozaron da actuación do mago Deimi-, directivos e docentes do Mestre Vide e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Segundo o xurado desta edición, Adrán e a fábrica de xeo, ten “un valor pedagóxico engadido, cunha perspectiva de divulgación científica ao propoñer xogos por medio de experimentos”, abondando nas relacións interxeracionais e cuestións como os migrantes e a vida intercultural na aldea. Das ilustracións de María José Rodríguez, o xurado destacou a súa “estética infantil e inxenua que ilustra magnificamente a narración, con imaxes que dan moitísima información, teñen forza e expresividade, que poden impactar moito ao lector novo”.

 

O presidente da Deputación e o delegado da Xunta en Ourense, coas galardoadas nesta edición.

 

Antes da entrega dos premios, Patricia Torres, presidenta do xurado, lanzou unha encomenda aos escolares “para que neste verán vivan nas súas aldeas as experiencias de Adrán e, sobre todo, para ler porque os libros son un mundo aberto ás historias e os soños”.

Nunha orixinal intervención coa axuda de “Morce”, un monicreque de morcego que tamén forma parte das personaxes da obra, a galardoada explicou que este “é un libro dedicado a nenos e nenas doutras culturas, dos que podemos aprender un montón de cousas e axudar a integralos, o que nos fará mellor como sociedade, falando tamén de ciencia porque nos fai entender o que ocorre ao noso arredor”. Pola súa banda, a ilustradora María José Rodríguez agradeceu á Deputación a convocatoria destes premios “que axudan a espallar a cultura e que nos permiten dar a coñecer aos persoeiros que temos preto e que fixeron moito fóra, porque Pura e Dora Vázquez foron escritoras moi importantes non só en Ourense senón tamén en América”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button