Na madrugada deste sábado 29 de abril “un home resultaba ileso logo de caer o coche no que viaxaba uns quince metros desde unha ponte en Manzaneda”. Así o indican dende o 112 Galicia, explicando que aínda que o vehículo rematou no leito dun río, na rúa Rozabales, “o único ocupante do coche conseguiu chegar á estrada polos seus propios medios” aínda que era axudado a subir polo persoal do 061. Alí foi atendido polos servizos sanitarios e, posteriormente, trasladado ao Punto de Atención Continuada da Pobra de Trives “en bo estado de saúde”, puntualizan.
O 112 Galicia indica que tiveron coñecemento deste accidente uns minutos despois das 04:00 horas, a través dun particular. “Segundo indicaba, o vehículo caera uns quince metros desde unha ponte, nunha zona de difícil acceso e engadía que o condutor estaba fóra do coche”.
A partir de aí, desde o 112 Galicia poñían a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES de Castro Caldelas, da Garda Civil de Tráfico e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Manzaneda.
Fotos cedidas.