En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Un divertido e animado pregón pon en marcha a XXI Festa do Botelo do Barco

A barquense Adela Pombo, cociñeira do CEIP Condesa de Fenosa xubilada, recibiu a mención de honra

Publicidade

 

O gran día da Festa do Botelo do Barco xa está en marcha. Seguindo o esquema da última edición prepandemia o humor e a interacción co público era o fío condutor da primeira parada do día, o acto oficial no Teatro Lauro Olmo.

Alí, a poeta e presentadora valdeorresa Fátima Delgado chegaba saúdando ao público e convidándoo entre versos e chistes a comezar o acto escoitando ao Orfeón Valdeorrés que interpretou tres pezas: Veñen os Ventos, O Barco de Valdeorras e o Himno do Botelo, esta última peza aderezada con notas de humor e acompañada por un “botelo de rinoceronte” levado entre risas e bromas por dous membros do coro ata o escenario xa que “a mellor forma de mellorar o botelo é facendoo máis grande e aquí o tedes”, dicía entre risas o director, José Ramón Mansilla.

 

Actuación do Orfeón Valdeorrés

 

A presentadora, Fátima Delgado.

 

De novo botando man das palabras que tan ben se lle dan, Fátima daba paso á mención de honra deste ano, adentrando ao público pola fiestra da escola. En concreto do CEIP Condesa de Fenosa do Barco onde traballou durante 37 anos como cociñeira a homenaxeada, Adela Pombo Fernández. Catro mestres do centro eran os encargados de loar o labor de Adela na cociña do colexio polo que pasaban 380 nenos todos os días, “cociñaba moito e ben” aseguraban. No mesmo vídeo, a propia Adela lembraba as lentellas que tanto gustaban “non así a menestra que non a querían”, dicía, destacando que sempre lle gustaron os nenos e aínda hoxe é amiga de moitos deles así como dos profesores.

 

 

“Estivo case corenta anos educando os estómagos dos nenos co ingrediente máxico, amor e cariño. Unha muller da Proba á que lle gustaban os nenos e a cociña”, aseguraba a presentadora antes de que o alcalde do Barco e a concelleira de Cultura, Alfredo García e Margarida Pizcueta, lle entregaran a escultura obra do artista local Roi Domínguez. Antes de dar paso ao pregón, subía tamén ao escenario a persoa que axudaba a Adela a cociñar, montar e limpar o comedor e a cociña do colexio, Marinita, a quen lle entregaban un ramo de flores.

 

 

 

Membros da Confraría do Butelo de Bragança co alcalde do Barco.

 

E de seguido, chegaba o prato forte, o pregón, a cargo do actor galego Federico Pérez Rey. Prometía ser divertido, para rir, e así foi. Seguindo o guión Pérez Rey comezou facendo un percorrido polos diferentes pobos do Barco e de todos os presentes e mesmo dos non presentes. Falou da súa nai, da súa avoa, contou mil e unha anécdotas, lembrando o calor que pasara durante o pregón que deu o pasado verán na Feira do Viño de Valdeorras.

 

 

 

Seis meses despois volvía ao Barco para falar do botelo, do que asegurou “sabe a Dios”, facendo un repaso polas diferentes manifestacións nas que ten cabida esta xoia gastronómica, dende as sagradas escrituras, ata a arte e mesmo a literatura. Incluso escribiu un poema, que por suposto recitou e rematou a súa intervención cantando e cun forte “Viva o Botelo do Barco”.

 

 

Ao acto acudía tamén unha representación da Confraría do Butelo de Bragança na zona de Tras os Montes (Portugal) coa que o Concello do Barco quere estreitar vínculos para seguir ambliando horizontes máis alá do Barco, e remataba con todo o auditorio cantando o himno do Barco xunto á voz en of de Anxo Rei. Pola súa banda a concelleira de Cultura daba as grazas aos asistentes e a todos os que fixeron posible esta XXI edición, asegurando que “había ganas de festa e aínda máis de botelo”.

 

Tralo acto, os grupos dos cantos de taberna facían o pasarrúas ata o pavillón onde ten lugar o xantar popular.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button