En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Un emocionado Alberto Núñez Feijóo toma posesión por cuarta vez como presidente da Xunta

O acto tiña lugar ás 12h. deste sábado no Salón dos Reis do Parlamento galego coa presenza de numerosas autoridades

Publicidade

 

“Nunca esquecerei de onde veño, a familia que me criou e a familia ampliada que hoxe teño, para exercer coa humildade necesaria e, para cumprir axeitadamente co meu deber, sempre terei presente a quen me debo: Galicia”, dicía emocionado Alberto Núñez Feijóo no seu discurso tras tomar posesión, por cuarta vez, como presidente da Xunta de Galicia na mañá deste 5 de setembro no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia.

Un discuso, con partes en galego e en castelán, que finalizaba incidindo en que “non perdamos de vista a realidade á que aínda deberemos enfrontarnos; pero miremos cara adiante con esperanza porque algún día ollaremos cara atrás e toda esta dor e todos estes esforzos serán tamén orgullo polo que xuntos fomos capaces de facer e de acadar. Porque fomos e seremos quen, porque Galicia é quen”.

Este acto, de apenas media hora de duración e con estritas medidas de seguridade sanitarias, contaba con familiares de Feijóo, así como coa presenza de numerosas autoridades galegas, estatais como a ministra de Política Territorial e Función Pública, así como doutras comunidades autónomas (como os presientes de Andalucía, Madrid e Castela e León), do presidente do PP, Pablo Casado, e do ex presidente do goberno Mariano Rajoy, entre outros.

A toma de posesión iniciábase coa marcha do antigo Reino de Galicia, interpretado pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Logo interviña o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, quen daba lectura ao Real Decreto 809/2020 do 3 de setembro polo que se nomea presidente da Xunta a Alberto Núñez Feijóo, tras as sesións celebradas os días 1 e 3 de setembro na Cámara galega. Seguidamente, prometía o cargo e iniciaba unha intervención, visiblemente emocionado e arroupado en certos momentos polos aplausos dos asistentes. “Pido permiso e pido perdón pola emoción, pero tomar posesión por cuarta vez é máis emocionante que a primeira”.

O presidente da Xunta comezaba indicando que “os tempos difíciles piden que esa proximidade democrática sexa máis estreita, máis intensa e máis auténtica. O pobo galego así o entendeu nun proceso electoral celebrado cunha explicable inquedanza polos efectos da Covid-19 e as súas secuelas económicas e sociais”. E, en alusión directa á ministra de Política Territorial e Función Pública, destacaba que a “cooperación, que sempre é necesaria, volveuse imprescindible na actual situación e a Xunta seguirá sendo unha administración leal e colaboradora”.

 

 

Así mesmo manifestaba que “nesta cerimonia tan distinta (como tantas cousas estes meses) na sede parlamentaria, aspiro a que tome posesión unha idea de Galicia. Afectuosa, ampla, fraterna, que quere estenderse como unha aperta a todos os galegos. Considérome simplemente un intérprete temporal de valores que o noso pobo atesoura dende a noite dos tempos. Os galegos seguirán escribindo o guión”.

Feijóo tamén aseguraba que “descoñecemos toda a dimensión dunha crise que modifica o noso estilo de vida. Soamente podemos facer previsións sobre o impacto que pode chegar a ter nos diferentes sectores económicos e o tempo que necesitaremos para recuperar o que se perda. E a isto, lamentablemente únese a imposibilidade de precisar o día no que poidamos dicir que este pesadelo rematou. Velaí, na miña opinión, a verdade”.

Engadía que “máis pornto que tarde, Galicia (como España, como o mundo) vivira a normalidade sen adxectivos que todos merecemos. Tomo hoxe posesión como presidente da Xunta de Galicia para servir ás galegas e galegos nesta tarefa e obxectivo común. Mais, consciente de que esta inmensa honra só é superada pola responsabilidade que implica e co compromiso de dar de min todo o que son”.

A toma de posesión finalizaba cos asistentes en pé mentres soaba o himno galego, interpretado pola cantante Lucía Pérez, xunto a un dos gaiteiros da Real Banda da Deputación de Ourense.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button