En portadaÚltima horaVídeos

Carmen, Fina, Toña e Teresa, as primeiras mulleres homenaxeadas da Gala Corona González, na Rúa

A primeira edición do evento, acto central da campaña municipal polo Día Internacional da Muller Traballadora e ao que Teresa non pudo asistir, estivo dirixido á muller no comercio local

 

Con música, creada e interpretada por mulleres, comezaba a remataba o acto central da campaña polo Día Internacional da Muller Traballadora posto en marcha polo Concello da Rúa, que tiña lugar no mediodía deste sábado 9 de marzo no Centro Cultural Avenida.

 

 

As pandereteiras de Abertal eran as encargadas de abrir a I Gala Corona González, a festa de homenaxe ás mulleres da Rúa, centrada nesta ocasión nas do comercio local. Un recoñecemento a todas estas mulleres que traballaron, traballan e que traballarán na Rúa, personalizado nas catro ás que hoxe rendían homenaxe: Mª del Carmen Gómez Díaz; Josefa “Fina” Álvarez Díaz; Antonia “Toña” Fernández Fernández, Teresa M. Álvarez Nogueira. “Catro mulleres bravas, valentes e traballadoras”, en palabras da propia alcaldesa, María G. Albert.

 

 

Ela mesma era a encargada de explicar ao público a iniciativa tomada dende o equipo de goberno polo 8M, cun programa que vai moio máis alá desa data. Ese día, venres 8 de marzo, tiña lugar pola mañá na praza do Concello a concentración e lectura de manifestos, da Fegamp e tamén dos alumnos do CEIP Manuel Respino; e pola tarde, a representación no C.C. Avenida da obra de teatro “Feminísimas”, interpretada por tres mulleres que aportan tres visións diferentes do feminismo. Tamén onte lanzaban a campaña publicitaria vinculada a “12 mulleres que rexentan distintos negocios hoxe en activo na Rúa e que representan aos centos de mulleres que teñen realizado esa función no noso Concello no pasado, no presente e tamén, estamos seguras, no futuro”, explican dende o ente local. Alicia (Joyería y Relojería Nemesio A. Guedella); Cecilia (Cecilia Fernández, Consultoría Enolóxica-Tenda de Viños); Susana (Canela Viajes); Amalia e Mónica (Tenda Fíos); Encarna (Mercería Raquel); Natalia (Calzados Pacio); Anna e Raquel (Xardinalia Floristería); Bego (Librería-Papelería “Mi mamá me mima”); Mari (Autoservicio San Martiño); e Marifé (Trapalladas Artesanía).

 

 

E xa na mañá deste sábado tiña lugar a gala, presentada por Sonia Rodríguez quen puxo ao público en situación sobre a muller que había detrás do nome de “Corona González” en lembranza a esta muller, filla de ferroviarios e gran inquedanza intelectual que nas décadas dos 20-30 do século XX escribira moitos artigos con dúas temáticas fundamentais: a emigración e os dereitos das mullleres. “Unha figura moi interesante e descoñecida que ten sobriñas-netas na Rúa”, en palabras da alcaldesa, quen agradeceu publicamente a Avelino García Ferradal a colaboración para recadar información sobre ela.

 

 

Con respecto ás homenaxeadas do día, a primeira en recibir o agasallo, de mans da enóloga Cecilia Fernández, era Carmen, unha muller simpática que rexentou durante moito tempo un comercio no barrio de Fátima, sen hora de peche, que adicou o obsequio “a todas as mulleres”, dando as grazas a quen llo concede e especialmente “a todos os clientes que pasaron polo meu comercio, os que están e os que xa non, sempre os levarei no meu corazón”.

 

 

Máis faladora estivo Fina, 51 anos traballados (de 1968 ao 2019) que contou como empezou con 14 anos coa súa tía e despois xa soa no comercio na Rúa Vella. Tamén lembrou que no seu comercio tiñan de todo dende sementes e comida ata artigos de ferretería, libros, droguería “e todo a granel”, dixo, recoñecendo que todo cambiara moito pero que ela sempre se sentiu recoñecida por parte da xente “que me demostraba o seu cariño”. O seu agasallo entregáballo Verónica Vieira, a deseñadora gráfica natural da Rúa, que se encargou de toda a parte publicitaria da campaña, tanto da cartelería como da edición dixital (web, vídeo,…) un traballo moi eloxiado e que ela mesma recoñeceu ter feito moi a gusto por poder demostrar “que na Rúa, o meu pobo, se poden facer cousas moi chulas”.

 

 

Pola súa banda, Toña, á fronte da Droguería Compostel, na rúa da Estación, unicamente daba as grazas, visiblemente emocionada polo recoñecemento despois de 44 anos traballando, “ao pobo da Rúa, á xente de todas as idades, porque foi quen fixo que eu chegara onde cheguei; á miña nai que sempre non empuxou para tirar para adiante igual homes que mulleres; e en especial a Salomé, a Pepita do Derroche, a Conchita Yagüe, a Luisa e Pepe,… que sempre me axudaron”. Recibindo o agasallo de mans da concelleira Ana Fernández Vizcaya, tampouco se esqueceu da súa familia, asegurando que o principal é “ir pola rúa e ver sorrisos de cariño e amizade”.

 

 

A cuarta homenaxeada, Teresa, que rexentaba un ultramarinos na rúa Silveira, deses que tampouco pechaba nunca, non pudo asistir por motivos de saúde, recollendo no seu nome o agasallo a alcaldesa antes de que as pandereteiras volvesen subir ao escenario para pechar o acto con dúas pezas.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver e Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button