CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Un libro recolle a historia do último garda da Mina de Valborraz (Casaio)

De a cabalo entre a novela e a historia, esta obra está escrita polo seu neto o xornalista e historiador barquense Christian Barrio Fernández

O valdeorrés Christian Barrio, co libro que vén de publicar./ Foto: A.R.

 

Rematado o verán de 1978, e tras 18 anos como garda na mina de Valborraz (Casaio, Carballeda de Valdeorras), José Barrio Vega marchaba para sempre deste poboado que pisaba por primeira vez con apenas 16 anos para traballar sacando o mineral das galerías. Era o último en marcharse e facíao entre bágoas, camiñando só ata Casaio. “Tantas lembranzas, tantas xentes, tanta vida, tanas historias naquel diminuto e á vez tan grande poboado. Todo se disipaba nun abrir e pechar de ollos, todo quedaba para o abandono”. Así o relata o seu neto, o historiador barquense Christian Barrio Fernández no seu primeiro libro, “José Barrio. El último guarda de la Mina de Valborraz” (Punto Rojo Libros, 2022), que vén de saír do prelo.

“Facer este libro era algo que levaba xa tempo na miña cabeza”, comenta este xornalista que decidiu encamiñar os seus pasos polo mundo da historia e que arestora está a realizar o seu doutorado na Universidade de Santiago. Todo comezaba cando vía a súa bisavoa Manuela Valle, “sogra do meu avó, no documental Lobos Sucios (do rues Felipe Rodríguez) alá polo ano 2007. Ela estivo traballando na mina na etapa da segunda guerra mundial. Ademais sabía que o meu avó traballara tamén alí dende moi xove, pero descoñecía o feito de que foi o seu último garda, ata que vin un vídeo dunha entrevista que lle fixo Sputnik Labrego, iso foi o motivo definitivo que levou a escribir o libro”.

Viu que aí había unha historia que merecía rescatar do olvido e, a primeiros do 2021, comezaba a documentarse en fontes escritas (dende bibliografía a arquivos), pero tamén orais con entrevistas, principalmente ao seu avó, pero tamén a outras persoas da súa familia e aos gardas que estiveron con el na mina nese período. O resultado: “El último guarda de la Mina de Valborraz”, un libro que roza as 200 páxinas a cabalo entre o ensaio e a novela. “Diría que é a vida do meu avó novelada, con datos o máis precisos posibles”, matiza.

 

Christian Barrio, co seu avó José, cuxa vida relata de forma novelada en “El último guardia de la Mina de Valborraz”./ Foto: Rosana Fernández.

 

O volume (que Christian Barrio dedica aos seus avós José e á memoria “dous meus dous mestres, Arsenio Álvarez e José Luis Puente”) conta cun prólogo, dez capítulos e un apartado bibliográfico. No primeiro capítulo aborda o nacemento do seu avó, no segundo achégase á Mina de Valborraz e ao volframio. Nel narra como o seu avó se trasladaba dende A Baña (León) para traballar nesta explotación valdeorresa, na que viviu algo máis de 20 anos, “entre 1958 e 1978. E foi a última persoa que permaneceu nese lugar que a min me fascinaba, unha reliquia a nivel historiográfico, de feito estanse realizando moitos traballos sobre tanto a nivel escrito como audiovisual”, explica Christian Barrio.

Despois céntrase na chegada do seu avó á mina, no marco “dunha emigración industrial fronte á gandería e ao agro, no seu día a día na explotación, en sucesos como un accidente no que perdeu a man por un explosivo ou no momento no que pasou a ser garda. “Dende que deixou de funcionar a mina sempre estiveron catro gardas traballando alí para protexer as instalacións e a maquinaria. Neses 18 anos el simplemente se dedica a vivir alí coa miña avoa e cos seus fillos, e con outros tres gardas que estiveron con el. Vai vendo como aquilo se vai apagando, como a xente vai marchando”.

Así, a través da figura do seu avó, Christian Barrio retrata as últimas dúas décadas deste poboado mineiro estratéxico durante a segunda guerra mundial pola súa produción de volframio. “É unha historia moi interesante e que creo que merecía ser personificada, e non atopei a maneira de facelo doutra forma”, conclúe.

Artigos relacionados

Back to top button