En portadaÚltima hora

Un millón de euros para a reforma do posto da Garda Civil da Rúa

Ademais, a extensión da banda ancha de internet chegará a 667 vivendas e empresas deste concello valdeorrés

 

Na tarde deste luns 28 de novembro o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitaba as instalacións da Garda Civil da Rúa acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González e o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, e alí destacou o investimento dun millón de euros para a remodelación do edificio como “exemplo da aposta do Goberno pola mellora dos servizos públicos, a seguridade da veciñanza e a transición ecolóxica nunha recuperación que queremos que chegue a todo o territorio, incluido os concellos máis pequenos”.

Miñones sinalou que a renovación do posto da Rúa, “que beneficiará a plantilla de gardas civís e a cidadanía da Rúa e da contorna que fai uso deste servizo de seguridade cidadá”, forma parte do conxunto de actuacións que impulsa o Goberno Central en 16 equipamentos do Ministerio do Interior en Galicia co obxectivo de promover o aforrro e a eficiencia enerxética. O investimento, de 21 millóns de euros, procede dos fondos do do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, en concreto do Plan de Transición Enerxética da Administración Xeral do Estado.

 

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones saudando ao alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.

 

O delegado do Goberno avanzou que a actuación na Rúa renovará unha superficie de 2.000 m2 e incluirá a mellora o aillamento exterior, tanto das paredes como da cuberta asi como as fiestras. Tamén se mellorará a iluminación interior. Por último, prevese a instalación de paneis solares para o abastecemento de enerxía. “Con todo isto aforraremos como mínimo o 30% do total da enerxía do edificio e reduciremos o consumo da enerxía tradicional e emisións de CO2”, engadiu. A actuación deberá estar rematada antes de decembro do próximo ano.

Repaso aos investimentos

O delegado do Goberno e o subdelegado do Goberno en Ourense mantiñan tamén unha xuntanza co alcalde, Álvaro Fernández, onde repasaron os investimentos do Goberno na Rúa, que se achegan aos 2 millónas de euros para distintas actuacións de mellora da eficiencia enerxética, equipamentos públicos e conexión a internet.

 

 

O Ministerio para a Transición Ecolóxica concedeu 332.291 euros para dous proxectos de renovación do alumeado público municipal, o 80% do custo total da actuación. Ademais, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana achegou 634.358 euros para a renovación do CEIP Manuel Respino, unha actuación que formou parte do Programa de Impulso á Rehabilitación de edificios públicos, financiado con fondos do Plan de Recuperación.

Por último, o delegado avanzou ao alcalde que A Rúa beneficiarase dos investimentos do Plan Único para a extensión da banda ancha de internet a zonas sen cobertura. En concreto, entre as dúas convocatorias, de 2021 e de 2022, o Ministerio de Asuntos Económicos proporcionará esta conexión a 667 vivendas e empresas deste Concello, que ata agora carecían deste servizo.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button