EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Un mural de gran formato á beira do Camiño de Inverno, no casco antigo do Barco

 

Primeiro eran liñas negras, pero pronto aparecían a cor e as figuras trazadas sobre a parede branca. Dende o mércores o artista Juan Carlos Abraldes traballa nun mural situado á beira do Camiño de Inverno no Barco, xusto despois do Porto da Barca. A realización dous murais de gran formato, un no Barco e outro na Rúa, e unha das iniciativas incluídas no proxecto de promoción incluído no Programa AEVAempregaTE, promovido pola Asociación Empresarial de Valdeorras e financiado pola Deputación de Ourense.

En ambos lenzos urbanos o autor conxugará elementos patrimoniais característicos de cada unha das localidades con sinais de identidade propias do Camiño de Inverno. No caso do que está a elaborar no Barco poden verse claras referencias á ruta xacobea no municipio, como é o caso dunha ponte, así como alusións á vendima.

Ademais o creativo dos murais abrirase ao público con algunhas propostas. “Tratarase de fomentar a participación dos espectadores no proceso de elaboración organizando algunha actividade musical en torno ao espazo de localización do respectivo mural”, segundo adianta Aeva, que con este proxecto busca “promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística, fomentar o seu coñecemento entre a cidadanía, e poñer en valor os recursos turísticos estratéxicos do Camino de Inverno”.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button