SanidadeÚltima hora

Un obradoiro aborda a carga emocional da alimentación na procura de hábitos nutricionais saudables entre os escolares

Organizado polo grupo de traballo de saúde comunitaria do Centro de Saúde Novoa Santos, "Salubrízate" nace con vocación de continuidade

 

“Salubrízate”, o grupo de saúde comunitaria do Centro de Saúde Novoa Santos, organizou esta mañá no Colexio Plurilingüe Carmelitas, o obradoiro “Alimentando Emocións” no que se afonda na carga emocional que rodea á comida, e na súa necesaria abordaxe na procura de adquirir hábitos nutricionais saudables.

O curso práctico plantéxase como unha intervención de saúde comunitaria, na que participan e se comprometen a actuar tanto a comunidade escolar como a familiar. Con esta iniciativa preténdese constituír grupos socio-educativos, para mellorar a saúde dos alumnos e alumnas, pero tamén do profesorado e as familias, promovendo hábitos de vida saudables que inclúan a alimentación e o exercicio no entorno natural máis próximo.

No desenvolvemento da actividade grupal empréganse técnicas de motivación, reforzo, apoio e capacitación, para compartir experiencias, adquirir coñecementos básicos e adoptar hábitos de alimentación saudables, dacordo cun modelo de empoderamento, para potenciar o protagonismo das persoas para acadar o seu propio benestar.

O obradoiro, que xurde con vocación de continuidade, para estendelo a outras comunidades e contornas, é resultado dun traballo de contactos previos coa comunidade escolar, que comezou en xaneiro, por parte dos membros do grupo Salubrízate, que dirixe Mercedes Hernández, especialista de medicina familiar e comunitaria do Novoa Santos. Na actividade de hoxe, e no previsto mañá, participan ademais residentes en formación e voluntarios externos.

A alimentación como patrón modificable

Os estilos de vida, e dentro destes a alimentación, xogan un papel fundamental na saúde das persoas. Por iso, para facer cambios cara uns hábitos máis saudables é preciso convertelo nun acto consciente, xa que o coñecemento, as emocións e as habilidades xogan un papel decisivo.

Para asegurar os novos patróns de conduta e con garantía de beneficio e continuidade, ademais do cambio individual, é preciso implicar tamén á rede familiar ea contorna onde vivimos.
Así algúns dos contidos que hoxe se abordaron no obradoiro foron os aspectos nutricionais básicos e os beneficios da alimentación saudable, así como os perigos do consumo de risco. Ademais traballouse en como asociar a alimentación saudable a emocións positivas, de desfrute e benestar en compañía; en aprender habilidades de compra e cociña asequible e de proximidade. Todas elas claves para vivir mellor e en harmonía coa contorna.

Así, os estilos de vida, e neles a conduta alimentaria saudable, teñen enormes beneficios no benestar e na prevención da enfermidade, coa vantaxe de ser factores modificables, para elo o curso traballou ademais de no aprendizaxe de coñecementos sobre a alimentación saudable, en identificar as emocións que producen algúns menús; compartir emocións en torno aos alimentos e en chegar a acordos sobre a alimentación.

 

 

 

Plan de Obesidade Zero

O obradoiro enmárcase no Plan de Obesidade Zero 2022-2030, unha iniciativa da Xunta de Galicia, que se centra na prevención da obesidade dende unha perspectiva de saúde pública.
O plan ten por obxectivo reducir o sobrepeso nun 15 % da poboación galega no ano 2030, isto é, que 189.000 galegos deixen de ter sobrepeso ou obesidade. Trátase dun horizonte temporal con metas intermedias, avaliación e seguimento continuo das accións que se propoñen.

O plan estrutúrase en tres eixos estratéxicos, once obxectivos e 41 accións. O primeiro dos eixos céntrase en potenciar as contornas promotoras de saúde, identificando cinco delas sobre as que actuar, a política, a escolar, a laboral, a comunitaria, e a sanitaria e sociosanitaria. O segundo dos eixos baséase na capacitación para a toma de decisións máis saudables, e o terceiro incide na investigación e innovación en promoción da saúde.

Ademais, o plan propón actuar promovendo os factores protectores fronte ao sobrepeso e a obesidade, a alimentación equilibrada, a actividade física regular e evitar o sedentarismo, a hixiene do sono e o benestar emocional.

Artigos relacionados

Back to top button