En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Un oso causa destrozos nun colmear en Prada (A Veiga)

Neste ataque resultaban afectadas trece colmeas, das que dez quedaban totalmente destrozadas

 

O oso segue dando mostras da súa presenza en Valdeorras. Ás pegadas atopadas e mesmo ás testemuñas que din telo visto, súmase agora un ataque a varias colmeas en Prada (A Veiga). Na mañá do 28 de agosto Amadeo Quiroga subía ata un antigo colmear que ten na zona da Horta, nun terreo en terrazas, coa intención de quitar o mel. Levaba xa case unha semana sen ir ata alí, á espera de que o tempo se estabilizase.

Chegaba arredor das dez da mañá e, nada máis entrar, vía unha colmea tirada no chan.”Ao principio pensei que aquilo podía ser obra dun xabarín, pero empezamos a mirar e cada vez aparecían máis e entón foi cando xa nos alarmamos e sospeitamos que podía ser un oso. Non é só que tirara as colmeas, é que as arrastrou algunhas en liña recta e outras cara abaixo, destrozounas de todo e levounas fóra do colmear ata debaixo de árbores para poder comer tranquilamente o mel”, conta Amadeo Quiroga.

 

 

Como consecuencia do ataque resultaban afectadas trece colmeas, dez totalmente destrozadas, outra aparecía a uns 30 metros e quedan dúas que seguen sen aparecer. “Ao mellor estes destrozos non os fixo nun só día, ao mellor foi varias veces”, comenta este apicultor de Prada, que de inmediato puxo o sucedido en coñecemento das autoridades, que xa se persoaron no lugar para tomar imaxes das pegadas e das marcas das unllas e dentes, así como outras mostras, confirmando que se trata dun oso.

 

 

Esta é a primeira vez que este apicultor, un dos membros fundadores da Asociación de Apicultores de Valdeorras, sufre un ataque desta clase nas súas colmeas e teme que as visitas do oso se poidan repetir. “Claro que temos medo de que volva, como nos faga dúas ou tres visitas deste tipo termina co colmear”, comenta esperando que a presenza de persoas case continúa nestes dous días nese lugar teña espantado ao plantígrado.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button