Na mañá deste domingo 22 de maio, festividade de Santa Rita, a Oficina de Turismo Valdeorras-A Rúa comezaba a súa segunda etapa de actividades vencelladas á vila, a súa historia, á viticultura,… cun paseo pola zona da Rúa Vella.
Unha ruta, guiada unha vez máis polo Licenciado en Historia Luis Carrón, que comezaba no adro da Igrexa de Santo Estevo, punto de encontro para a vintena de asistentes. Xa no interior do templo, Luis comezou a súa narración con pinceladas da historia desta igrexa “que sufriu moitas reformas, non todas moi acertadas, polo que resulta difícil discernir as diferentes etapas polas que pasou”, dixo, comezando por unha das imaxes de máis valor do templo, a do “Crucificado” de estilo barroco, ubicado no lateral da nave da dereita.

Trala igrexa, o percorrido continuaba pola zona do Bouzo, chegando ata o cemiterio (pasando pola propia oficina de turismo da Rúa), ata regresar ao punto de partida pasando pola rúa Manuela Sancho, un dos personaxes de referencia nesta parte da vila, xunto a outros como César Conti, sobre os que falou Luis, rematando na ‘Placa Funeraria de Pompeio Reburro’ que se conserva nunha parede diante da igrexa.
Tal como explicou a responsable da oficina, Soledad Figueroa, o obxectivo destas actividades é dar a coñecer a historia da vila así como os recursos cos que conta, pero tamén promocionar os produtos da zona polo que a xornada remataba coa degustación de viños de José Aristegui e empanadas de Artesanos Peyma. Da parte vitivinícola encargouse a propia Soledad.
Fotos: Mónica G. Bellver.