As primeiras referencias existentes sobre o Porto da Barca (O Barco), as singularidades deste porto fluvial do Sil arredor do cal se foi desenvolvendo a vila do Barco ou os barqueiros que dirixían a barca que conectou durante séculos esta beira coa de Viloira. Eran algúns dos detalles deste singular recuncho barquense dos que falaba o profesor Francisco Cobo na visita guiada organizada na tarde do 31 de agosto polo Concello para estrear a ruta turística urbana “Pasea O Barco”.
O percorrido comezaba nas proximidades do Xardín Botánico no punto denominado o “Malecón da Arte”, no que o historiador Luis Enrique Rodríguez “Coquixo” falaba das mostras artísticas que poboan esta e outras partes da vila.
Logo continuaba polo Paseo do Malecón, o Porto da Barca, a pasarela da Capitana, os Xardíns da Casa Grande de Viloira, a ponte de San Fernando para logo regresar, pola rúa San Roque, ata o Malecón, punto de partida do percorrido. En cada un deses puntos un experto local abordaba as singularidades e historia do local.
Fotos: A.R/cedidas.
