EconomíaEconomíaÚltima hora

Un percorrido polos recursos naturais, culturais, patrimoniais e produtivos de Manzaneda

Manzaneda recibía a visita dun grupo de persoas da Asociación democrática de Queixa que facía un percorrido turístico polo municipio

 

Nesta semana, en concreto o martes 31 de outubro, Manzaneda recibía a visita de 34 persoas  da “Asociación democrática de Queixa”, de Chandrexa de Queixa. A visita comezaba ás 10 da mañá cun almorzo pausado no que se intercambiaron conversas na Cafetería Nevada. Seguidamente dende o Concello de Manzaneda facíase unha visita guiada, na que se lle amosaba a vila medieval (Ben de Interese Cultural); así como a exposición fotográfica sobre o Entroido de Carlos G. Hervella, que continúa exposta no Cárcere dos Sarmiento, onde tamén pode verse a mostra de Recupeart.

 

 

“Posteriormente, acompasado coa época do outono, achegámonos ao Monumento Natural Souto de Rozavales, contemplando a maxestuosidade do castiñeiro de Pumbariños que loce con ourizos e castañas no manto do chan. A última actividade comprendeu unha visita guiada polo Pazo da Pena, onde os visitantes puideron contemplar o gran traballo de recuperación do patrimonio cultural do ben inmoble e do predio en equilibrio coa actividade de turismo rural categoría”, explican dende o Concello de Manzaneda.

 

 

Seguidamente, tiña lugar un xantar no hostal resturante O Pendón que non defraudaba aos padais máis exixentes. A excursión concluía cunha visita guiada á Finca Agraria A Mata, “onde se puido comprobar o gran traballo que realiza Fernando e a súa muller Ana María no seu proxecto de vida e traballo. A Finca Agraria a Mata é un exemplo de traballo diario e de diversificación agraria integrando o coidado do viñedo e adega D.O Ribeira Sacra, cos pastos e gando vacún de leite e ovino para a elaboración de queixo”, indican dende o Concello de Manzaneda.

En definitiva, resultaba unha interesante xornada de convivencia, na que o debate sobre a evolución, problemática e solucións do rural xurdiron de forma espontánea nas conversas entre os visitantes e o contacto cos establecementos, produtores de Manzaneda.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button