CulturaCulturaÚltima hora

Un portapenacho do campamento de Aquae Querquennae, “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico de Ourense

Portapenacho de casco do campamento de Aquae Querquennae (Porto Quintela, Bande)./ Foto: Fernando del Río.

 

O casco formaba parte da panoplia do soldado romano. A súa principal función era protectora, pero, ao mesmo tempo, constituía un “símbolo de ostentación que define o status do soldado tanto ante poboacións amigas na vida civil, como ante os seus adversarios no combate. Para iso utilízase tanto a decoración a base de relevos de diferentes significados como o emprego de penachos”, en palabras do investigador Tomás Vega Avelaira.

De feito, a “presenza dun penacho no casco dun oficial servía para resaltar o seu status formando parte dos distintivos (insignia) que o distinguían”, sinala este estudoso no traballo que contextualiza e explica a “Peza do Mes” de febreiro do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense: un portapenacho de casco do campamento militar de Aquae Querquennae (Porto Quintela, Bande).

Este portapenacho (apex), feito en bronce, pertencía a un casco do modelo Weisenau. Posúe unha altura de 5,9 cm, unha anchura máxima de 4,5 cm, un grosor máximo de 0,5 cm e pesa 14,28 gramos. Presenta “forma de forquita e está incompleta. Orixinariamente debeu ter un pé en forma de “L” mediante o cal se engancharía a unha plaquiña rectanguar situada na parte cenital do casco e, deste xeito, podería suxeitar un penacho disposto de forma transversal (crista transversa)”, citando a Vega Avelaira.

Pezas similares a esta do campamento de Aquae Querquennae, que forma parte da colección do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, teñen aparecido en diversas zonas de Alemaña como Straubing, así como en Valkenburg (Países Baixos), Windisch e Baden (Suíza) ou en Walili, Thamusida e Salas (Marrocos).

Este campamento militar, de planta rectangular e cunha superficie interna cercana ás 2,6 ha, estivo ocupado por un destacamento dependente da legio VII Gemina (lexión acantonada en León) entre o 74/75 d.C. ata “finais do goberno de Traxano ou, incluso, a principios do seu sucesor Adriano, ca. 120 d.C. (…)”, segundo indica Tomás Vega Avelaira.

Artigos relacionados

Back to top button