ConcellosÚltima hora

Un proxecto valdeorrés, o único da provincia no XII Festival Internacional de Xardíns de Allariz

Lucía Álvarez (Vilamartín de Valdeorras) e José Manuel González (Boborás) crearon 'A árbore da vida', o xardín que pode verse na parcela 4 do recinto

Fotografía de DRON da parcela 4 na que está o xardín ‘A árbore da vida’. Foto cedida.

 

Dende o 14 de maio e ata o mes de outubro permanecerá aberto ao público o Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) cuxa duodécima edición céntrase no lema ‘Xardíns terapéuticos, deseños que curan’.

Ao longo destas doce edicións o FIXA converteuse nunha cita consolidada no programa paisaxístico e referente pola súa particularidade, sendo o único das súas características que se celebra en todo o Estado polo que cada ano preséntanse decenas de propostas chegadas de todo o mundo, de entre as que se escollen 10 que se exhiben e compiten polos votos que outorgan os máis de 40.000 visitantes que pasan polo recinto.

Entre a decena que pode verse este ano hai propostas realizadas por paisaxistas galegos así como xardíns de Madrid, Austria, Montenegro, Italia, Colombia ou USA, entre as que figura ‘A árbore da vida’ creada pola parella de arquitectos formada por Lucía Álvarez Gómez (Vilamartín de Valdeorras) e José Manuel González Borace (Pazos de Arenteiro, Boborás) e a única da provincia de Ourense.

 

Lámina explicativa do proxecto.

 

Tal como explica José Manuel, aínda que actualmente residen principalmente en Valdeorras el e Lucía estiveron tempo fóra e sempre lles gustou o festival pero non foi ata o ano pasado cando visitaron o recinto en Allariz “e chamounos moito a atención o nivel de deseño que había. Sempre viamos pola televisión de todo un pouco pero na anterior edición había moito nivel e propostas serias a nivel paisaxístico. Gustounos tanto que decidimos participar”, di José Manuel.

Participaron e foron selecionados cun proxecto baseado nun elemento constante e fundamental estendido nas tradicións mitolóxicas, filosóficas e relixiosas de todo o mundo ‘a árbore da vida’ relacionado co concepto de elemento sagrado e curativo; que simboliza a conexión co medio, tanto física como espiritualmente.

 

José Manuel e Lucía, arquitectos e creadores do xardín.

 

“A nosa proposta plantexa a relación entre a composición formal da ‘árbore’ e a do ser humano como base para o deseño dun espazo que permita, mediante a interacción sensorial, xerar unha conexión, unha relación de benestar coa natureza”, explica José Manuel, engadindo que para iso, dividiron o xardín en tres zonas que están relacionadas co ser humano dun xeito moi singular. “As Raíces como base do noso sistema emocional están aí, e aínda que non se perciben, son imprescindibles para o apoio de cada individuo; O Tronco, como o noso corpo, permítenos crecer e manternos fisicamente sans; e As Ramas que forman a copa e son o reflexo do noso crecemento persoal e espiritual centrado en expandirnos para recibir “máis luz”, é dicir, máis coñecementos e experiencias”.

Trátase pois dun xardín para estar. “Un espazo natural para explorar desde unha perspectiva contemplativa, onde podemos interiorizar a importancia que debemos darlle a estar sans dende dentro, dende as nosas raíces, pero sempre en continua evolución”, di, recoñecendo que se trata dun proxecto vivo que vai cambiando de aspecto co paso dos días. “Mesturamos  as árbores con algunha planta de flor co cal vai mudando facéndose moi dinámico”.

Dos dez xardíns desta edición (tamén está o elixido polo público na anterior edición e un elaborado polos nenos dun colexio que non participa no concurso) o público elixirá un que será o que quede para o seguinte ano e, a maiores, “van recuperar algo que empezaran a facer hai uns anos, que é a elección dun dos xardín por parte dun xurado profesional de paisaxistas, que poderá coincidir ou non co voto popular. Un punto máis interesante desta edición”, conclúe o arquitecto.

Artigos relacionados

Back to top button