EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Un Ribeiro, mellor viño branco de España por segundo ano consecutivo

O "Premio Alimentos de España Mejores Vinos año 2023" foi concedido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

 

A D.O. Ribeiro volve estar de noraboa xa que por segundo ano consecutivo, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación outorgou o “Premio Alimentos de España Mejores Vinos año 2023” na modalidade de viño branco a unha referencia desta denominación de orixe, nesta ocasión recaeu no viño A Telleira Godello 2022, elaborado por Bodegas Campante, S.A. (Toén – Ourense).

O presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara ante esta insólita noticia comenta “hai cinco anos dixen que nacía un novo Ribeiro e foron poucos os que me creron. Hoxe aquelas verbas fanse de novo realidade. O Ribeiro vive unha nova primavera.” “Por segundo ano consecutivo un Ribeiro é considerado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como o mellor branco de España. Quero transmitir os meus parabéns a todos os compoñentes da familia Campante polo seu traballo e darlle as grazas polo prestixio que este galardón supón para a nosa Denominación de Orixe.”

 

 

Na pasada edición, o Premio Alimentos de España Mejor Vino 2022 foi para outro viño da D.O. Ribeiro, a marca Ramón do Casar Nobre 2020, de Ramón do Casar, S.L., Castrelo do Miño.

O Premio “Alimentos de España al Mejor Vino”

Convócase todos os anos dende 2013 como medida de apoio e promoción ao sector vitivinícola, así como para dar a coñecer os viños españoles que pertenzan a algunha das Denominacións de Orixe Protexidas e Indicacións Xeográficas Protexidas recoñecidas pola Unión Europea.

Este premio fállase tomando en consideración as mellores puntuacións obtidas no Concurso Internacional de Vinos Bacchus (organizado pola Unión Española de Catadores) por un xurado designado polo propio Ministerio, integrado por un experto catador, unha persoa de recoñecido prestixio no sector vitivinícola e un representante do departamento. O xurado estivo presidido polo director xeral da Industria Alimentaria.

Artigos relacionados

Back to top button