ConcellosÚltima horaXinzo de Limia

Un tráiler con 32 palés de axuda recollida en Xinzo e O Carballiño parte entre aplausos cara Polonia

 

Un tráiler con toneladas de solidariedade arranaba entre aplausos na mañá deste mércores 16 de marzo do polígono de Xinzo de Limia para axudar aos refuxiados de Ucraína. O Concello, en colaboración cos empresarios de esta área industrial, Protección Civil e Cáritas de O Carballiño, conseguiron reunir 32 palés de axuda humanitaria e nos que se inclúe roupa, medicamentos e alimentos. Foi un traballo en equipo. Ata as dependencias municipais –o multicentro e a Casa Consistorial- chegaron nos últimos días os produtos de primeira necesidade que foron clasificados coa axuda dos voluntarios de Protección Civil. Os empresarios abriron unha conta para que os cidadáns que quixeran unirse a esta causa solidaria axudaran a costear os gastos do desprazamento e unha vez reunido o importe, púxose en marcha un camión que xa está rumbo á fronteira de Polonia.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, que estivo acompañada polo concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez, e polo presidente dos empresarios do polígono, José Manuel Gómez Míguez, explicou que está previsto que o tráiler chegue a Przemysl cunha axuda que se fai cada vez máis necesaria: “Hai máis de 3 millóns de persoas fóra do seu país e queremos que este grao de area chegue á fronteira o antes posible”.

O tráiler arrancou do parque empresarial pasadas as nove da mañá e saíu escoltado pola Policía Local e Protección Civil. Tres condutores farán quendas para percorrer os quilómetros coas únicas paradas que indique o tacógrafo.

 

 

Novos envíos e rede de acollida

A solidariedade dos veciños de Xinzo de Limia crece por momentos e a rexedora confía en que pronto poidan facerse novos envíos. “A xente é tremendamente solidaria e pensamos que se repetirá algún envío máis. O que demandan as organizacións non gobernamentais son tamén cartos, porque se necesita unha infraestrutura e loxística para distribuír a axuda humanitaria”, dixo.

Cómpre recordar que dende o executivo local puxéronse en contacto coa Subdelegación do Goberno para crear unha rede de familias de acollida e poñer ao seu dispor espazos públicos como o pavillón polideportivo e todos aqueles que poidan servir de utilidade. Esta iniciativa coordinarase a través do departamento de Servizos Sociais, co que as familias en disposición de acoller poden contactar a través de teléfono 988 550 528 ou ben de xeito presencial en horario de 9 a 13 horas.

O Concello de Xinzo de Limia seguirá a impulsar a recollida de material de primeira necesidade. Entre os produtos que se demandan atópanse sacos de durmir, roupa interior térmica, roupa para nenos e nenas de entre 0 e 4 anos, calcetíns e luvas, baterías e pilas, tendas de campaña ou lanternas. Tamén se poden achegar alimentos como leite en po, café, cacao, galletas, cueiros ou biberóns. Con respecto ao material sanitario recóllense tesoiras, luvas, vendas, xiringas ou agullas, parches antiqueimaduras, ademais de medicamentos como ibuprofeno, paracetamol ou amoxicilina, entre outros.

Os interesados poden facer as entregas na sede de Protección Civil, no primeiro piso do edificio Multicentro, en horario de 10 a 12 horas ou chamando ao número de teléfono 629 470 812. Tamén se recollerá o material no punto de Información Municipal emprazado no primeiro andar da Casa Consistorial.

Artigos relacionados

Back to top button