A RúaConcellosÚltima hora

Un veciño da Rúa sofre a picadura de dúas avespas velutinas

Adel Crespo incide na necesidade de concienciar á xente da importancia de colocar trampas para eliminar o maior número de raíñas

 

Dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores levan tempo alertando do perigo da avespa velutina, unha especie invasora, carnívora e agresiva, que supón un gran perigo para as abellas. Malia os avisos e as campañas informativas a chegada destes insectos é un feito e cada vez é maior o perigo, tamén para as persoas que poden sufrir as súas picaduras.

É o que lle pasou a Adel Crespo, veciño da Rúa e abelleiro, que na tarde do martes 11 de xuño sufría a picadura de dúas velutinas mentres traballaba nunha viña no Rasedo (Fontei), moi preto do casco urbano. “Serían as catro da tarde e pilloume chapodando. Estaba cortando os pámpanos para dar sulfato e en canto lle din ao niño que estaba nunha cepa viñeron dúas avespas que son as defensoras e aínda me picaron (no nariz e nunha man) antes de escapar porque as coñecín, pero se o niño está no chan e lle dou coa desbrozadora, cómenme porque era un niño primario no que habería entre 25 e 30”, asegura Adel, incidindo no perigo que supoñen para a poboación. “Se unha avella inxecta 5gr. de veleno nunha picada, a velutina inxecta 20”, di, asegurando que el tivo sorte.

 

Adel indicando o lugar no que estaba o niño.

 

“Sei o que hai que facer e non son alérxico, pero pódelle pasar a calquera e quedar no sitio. É moi importante que a xente se conciencie de que se te pican e eres alérxico é moi perigoso”. Como abelleiro que é Adel está preparado e marchoi enseguida a casa para tomar unha pastilla de Urbason, un medicamento que protexe durante dúas horas, “para que che dé tempo de ir ao médico, pero estamos falando de algo para o que hai que estar preparado porque é moi perigoso. Eu informo á xente porque pode pasar”. Despois volveu á viña e xa equipado liquidou o niño. “Actuei pola miña conta porque estou preparado cun equipo adecuado e ben protexido pero se non hai que chamar á Xunta ou a Protección Civil para que se fagan cargo. Tamén hai un produto que se chama Diptron que é moi eficaz”.

Por sorte, no seu caso a cousa non pasou das dolorosas picaduras pero para evitar posibles desgrazas, Adel insiste na necesidade de concienciar á xente de que trampee, destacando que as trampas son fáciles de facer cunha simple botella de dous litros de auga cun burato no tapón. “Eu teño trampas postas por todo o barrio onde vivo e tamén llas regalo aos veciños e eu o que lles poño é 2 kg de azucre, 75 gr. de levadura de facer o pan e 5 litros de auga repartido nas botellas e durante 15 días caen. Eu acabo de cambiarlle o líquido e nunha trampa había 37 velutinas mortas, o que supón 37 niños menos”.

 

Niño primario de velutina nunha cepa.

 

Con respecto á colocación, depende do tempo. “Normalmente se non chovera moito e fixera calor, xa a partir de febreiro ata maio é o momento de trampear, a partir de aí todo o que se colle son obreiras, pero o que interesa son as raíñas, cada unha que matamos é un niño menos, porque cando chegan os mes de outubro-novembro co frío morren, pero hai que concienciar á xente de que axude porque cando as uvas están maduras elas van comer e tamén noutras froitas, e cantas máis matemos nos niños primarios, menos secundarios haberá polo chopos e menos raíñas sairán”.

Adel tamén explica que á velutina gústalle a humidade, que haxa un río ou un regato cerca e se hai casas preto moito mellor porque necesitan alpendres estar quentes e poder hibernar. “No mes de outubro marchan entre 170 e 180 raíñas hibernar, se son moi duros quedan poucas pero se son suaves como nos últimos anos quedan moitas. A miña viña está moi cerca das casas e cumpre estes dous requisitos”, di, lembrando que se o inverno é suave as avespas saen antes e se é cru áparte de morrer máis saen máis tarde. “Este ano como choveu moito tardou a floración e sairán máis tarde, pero non deixarán de saír aínda que sexa máis tarde e cada vez van invadir máis”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button